4/5/10

Actividades en prol do Comercio Xusto

Hoxe martes ás 19.30h no local de “A Cova da Terra” :
presentación da campaña “Mobilízate pola selva” e cinefórum co documental “Sangre en nuestros móviles”

Mércores 5 ás 20:30h: “Taller de Solidariedade” e presentación do vídeo “Comercio Xusto, máis que solidariedade”

Xoves 6 ás 19.00h no local de “A Cova da Terra”: charla-obradoiro sobre inmigración"A construcción do inimigo interno” co grupo Cambalache de Oviedo

Sábado 8 a partires das 11.00h na praza do Concello de Lugo:
Postos de Comercio Xusto
Degustación de productos de CX
Concurso de debuxos
Obradoiros para nenos e nenas
Xincana de talleres ás 12.30 e 18.30h
Funcións de teatro (obra de teatro do comercio xusto) ás 12, 13.30 e 18h

Concurso de vídeos "Mobilízate pola Lingua"

Concocatoria Mobilizate Pola Lingua 2010

Anímate a participar! le as bases e pide axuda aos profesores cando o precises.

3/5/10

3 de maio, o noso primeiro aniversario



Hoxe hai un ano que este blog botou a andar. Felizmente, nestas datas estanse a realizar moitas actividades organizadas desde a biblioteca: exposición da historia do libro e da escritura, club de lectura, concursos de matemáticas, relatos e poesía, mellora do punto de lectura...

Ás veces pensamos que cando decidimos poñer en marcha o blog non sabiamos onde nos metiamos... ou si. Desde logo é un traballo ao que lle hai que botar moitas ganas, tempo, continuidade, paciencia... e que sempre é mellorable: aínda hai moito que aprender. Afortunadamente, houbo xente que, coma nós, viu nel un gran potencial e se entusiasmou aportando moitas ideas e, como non, traballo.

Non sabemos como agradecérllelo a tod@s. Aos que día a día, ou de cando en vez, veñen poñer o seu graniño de area, que en moitas ocasións aderezan con sorrisos, palabras alentadoras sobre o traballo da biblioteca... a todos eles grazas inmensas.



25/4/10

VISITA Á EXPOSICIÓN "ORIXES"



Os alumnos de PDC de 3º de ESO visitamos o mércores 21 de abril a exposición "As orixes do home" na que se mostran os fitos máis importantes da evolución humana: o bipedismo, as ferramentas, o lume, a autoconciencia e o símbolo como principio do coñecemento abstracto.

ENCONTRO EN SAN PAIO DE NARLA


O club de lectura celebrou na Fortaleza de San Paio de Narla, o mércores 21 de abril, un encontro cos autores das obras que acabamos de ler: Xabier P. Docampo (Cando petan na porta pola noite) e Xosé Miranda (Pel de lobo). Unha tarde na que compartimos contos e anécdotas e na que soubemos da orixe e proceso de creación das súas obras. Moitas grazas aos dous escritores por compartir con nos as súas historias.

23/4/10

Número extra do boletín: Día do libro

Con motivo do día do libro, a biblioteca publica un número extra do seu boletín con unha interesante entrevista a Johannes Gutenberg e algunhas curiosidades sobre o libro. A entrevista que publicamos está traducida e adaptada da páxina Artes del libro.


22/4/10

23 de abril, Día do Libro

Acabamos de inaugurar a exposición sobre a Historia do Libro. Estades todos invitados a visitala do 23 de abril ao 7 de maio. Nela presentamos unha breve historia do libro e da escritura de forma cronolóxica.
Tamén podedes ver algúns exemplares de libros antigos, contos infantís, libros curiosos así como materiais para a impresión.
Esperamos que sexa do voso agrado.
Todo isto que podedes ver é froito do traballo e a xenerosidade da nosa querida Begonia, compañeira e amiga. Con ela compartimos a ilusión por estas cousas. Grazas Bego, de parte de todos.




21/4/10

21 de abril, Día Mundial da Creatividade e a Innovación



Marci Segal, un deseñador publicitario de Toronto (Canadá), decidiu promover no ano 2001 o Día Mundial da Creatividade e a Innovación, motivado por un artigo aparecido en prensa que criticaba a falta de ideas dos publicistas canadenses. Desde entón celébrase este Día Mundial cada 21 de abril.

Elixiuse este día ao coincidir co nacemento dunha das mentes máis creativas da historia da humanidade, Leonardo da Vinci. Esta iniciativa conmemórase en diferentes cidades de varios países do mundo co obxectivo de organizar unha rede que colabore para unir esforzos en favor da creatividade. As persoas que participen na celebración deste día son alentadas a usar a súa creatividade para facer do mundo un lugar mellor e tamén para facer do seu lugar no mundo algo mellor.






Recomendamos os seguintes blogs, que teñen interesantes recursos e técnicas de creatividade:
http://www.neuronilla.com/
http://blog.micelulacreativa.com/


20/4/10

Grazas


Onte chegounos un presente por parte da Biblioteca Ollos Grandes, grazas María, sabes que admiramos e seguimos o voso traballo. Recibir o selo "Vale a pena ficar de olho nesse blog!" esixe unhas condicións:

• Incrustar a imaxe do selo que simboliza o premio cunha ligazón ao blog que o outorgou.
• Enlazar 10 blogs que, segundo o criterio do premiado, valen a pena.
Hai moitos blogs amigos xa premiados, pero pensamos que hai moitos outros que tamén valen a pena:











19/4/10

BASES DO CONCURSO " ADIVIÑA, ADIVIÑA..."

Con motivo da celebración o día 12 de maio como participantes deben ser alumnos do 1º ciclo de ESO do IES Xoán Montes no ano escolar 2009/2010.Día escolar das Matemáticas a Biblioteca do IES Xoán Montes convoca un concurso entre o alumnado do centro para resolver un boletín de adiviñas matemáticas, de acordo as seguintes bases:
1- Os
2- Os participantes tentarán de resolver o maior número posible das adiviñas propostas.
3- O boletín de participación pódese solicitar aos profesores de matemáticas correspondentes, ou descargalo desta mesma anotación.
4- A resolución das adiviñas introducirase nun sobre grande no que deberá figurar fóra o seudónimo do participante e o nome do concurso. Dentro de este sobre grande ademáis introducirase outro sobre máis pequeno cos datos do participante (nome, apelidos, curso e grupo) e entregarase en secretaría.
5- O prazo de admisión pecharase o día 20 de maio de 2010.
6- O xurado estará composto polas profesoras Covadonga García-Losa Rodríguez e Mª Teresa Vázquez Cadavide. O fallo será inapelable e emitirase o día 30 de maio. O xurado pode declarar o premio deserto.

PREMIO:



16/4/10

BASES DO CONCURSO "ADIVIÑA QUEN SON"


Con motivo da celebración o día 12 de maio como Día escolar das Matemáticas a Biblioteca do IES Xoán Montes convoca un concurso entre o alumnado do centro para resolver un boletín de adiviñas sobre matemáticos, de acordo as seguintes bases:
1- Os participantes deben ser alumnos de 2º ciclo de ESO ou BAC do IES Xoán Montes no ano escolar 2009/2010.
2- Os participantes resolverán o maior número posible das adiviñas propostas.
3- O boletín de participación pódese solicitar aos profesores de matemáticas correspondentes, ou ben descargalo desta mesma anotación.
4- A solución das adiviñas introducirase nun sobre grande no que deberá figurar fóra o seudónimo do participante e o nome do concurso. Dentro deste sobre grande ademáis introducirase outro sobre máis pequeno cos datos do participante (nome, apelidos, curso e grupo) e entregarase en secretaría.
5- O prazo de admisión pecharase o día 20 de maio de 2010.
6- O xurado estará composto polas profesoras Covadonga García-Losa Rodríguez e Mª Teresa Vázquez Cadavide. O fallo será inapelable e emitirase o día 30 de maio. O xurado pode declarar o premio deserto.

PREMIO: un lote de películas.

Certame de Narrativa e de Poesía

Con motivo da celebración da Festa das Letras, o Departamento de Lingua Galega e Literatura do IES Xoán Montes convoca un CERTAME DE NARRATIVA, rexido polas seguintes BASES
Primeira. Poderán participar todos os alumnos deste centro.
Segunda. Os relatos terán que ser orixinais e inéditos. Sobre tema libre, irán redactados integramente en lingua galega.
Terceira. Terán unha extensión de entre dúas e cinco páxinas, formato A4, mecanografiadas, con letra Times New Roman en corpo 12 e cun interliñado de 1’5.
Cuarta. Cada participante non poderá presentar máis de dous relatos, por separado.
Quinta. Os traballos entregaranse antes do día 4 de maio, martes, ata as 14:30, na Secretaría do Instituto. Cada traballo irá dentro dun sobre grande, en cuxo exterior figurará, ben visible, un lema ou pseudónimo, que en ningún caso coincidirá con nome ou apelidos do autor. No interior deste sobre grande, a máis do relato que se presenta a concurso irá tamén un sobre pequeno, en cuxa parte exterior consignarase así mesmo o lema ou pseudónimo antes aludido ; no interior deste sobre pequeno irá unha folla cos datos do autor: nome, apelidos, curso e grupo.
Sexta. Establécense tres categorías: Primeiro Ciclo da ESO, Segundo Ciclo da ESO e BAC. En cada categoría poderán adxudicarse dous premios. Estes consistirán en vales por un importe económico utilizable para adquirir libros, material escolar e funxible ou instrumentos de debuxo e pintura.
Sétima. O fallo do Xurado será inapelable. A presentación ao Certame presupón a aceptación plena das presentes Bases.

O CERTAME DE POESÍA, réxese polas mesmas BASES que o anterior agás no seguinte:
Segunda. Os textos terán que ser orixinais, inéditos e en lingua galega.
Terceira. Cada participante non poderá presentar máis de dous poemas, por separado.

Anímate e participa!

14/4/10

EXPOSICIÓN: Castelao. A derradeira lección do mestre


Neste 2010 se conmemora o 60 cabodano da morte de Castelao, dende o Museo Provincial de Lugo ofértannos a posibilidade de coñecer detidamente a súa obra, a exposición inaugúrase hoxe as 20.00 horas (é ata o 10 de xullo) e compleméntase cunha ampla programación cultural onde seguro que atoparás actividades de interese.

VISITAS TÉCNICAS
A cargo dos comisarios da mostra María Pilar García Negro e Felipe-Senén López Gómez
Martes, 18 de maio, ás 19:30 horas
Martes, 15 de xuño, ás 19:30 horas

CONCERTO
A cargo de Xoán Elías Castiñeira, brillante exalumno deste centro
Xoves, 6 de maio, ás 20:00 horas

PROXECCIÓNS
Xoves, 27 de maio, ás 20:00 horas
- Miss Ledya (José Gil, 1916) (20 min), coa intervención como actor de Castelao. A continuación:
- Charla-coloquio con Guillermo Escrigas, director do CGAI.
Proxección permanente na Sala de Exposicións
- Imaxes de Castelao en Buenos Aires (Elixio González, 1972).
- Castelao na súa visita a Bahía Blanca (ca. 1945).
- Imaxes e obras de Castelao.

CHARLA-COLOQUIO: Castelao. A derradeira lección do mestre
Xoves, 10 de xuño ás 19:30 horas
Interveñen: Especialistas e investigadores da obra de Castelao.

OBRADOIRO DE CARICATURAS
A cargo de Joaquín París
Horario de 11:30 a 13:30 horas.
Inscrición previa no Departamento de Didáctica, tfno.: 982 242 300.
Para rapaces de 6 a 9 anos. Datas: 17 de abril e 12 de xuño.
Para rapaces de 10 a 13 anos. Datas: 15 de maio e 10 de xullo.

VISITAS GUIADAS
Para todo tipo de públicos e grupos familiares, todos os sábados, ás 12:30 horas. Non precisan inscrición previa.

PUNTO DE LECTURA
Onde se poderán consultar diversas publicacións da autoría de Castelao ou relacionadas coa súa obra.

SALA MONOGRÁFICA
Coincidindo coa apertura ao público da exposición, o Museo Provincial de Lugo presenta a súa colección permanente de obras de Castelao que se pode visitar na súa nova sala, a núm 25.

VISITAS CONCERTADAS PARA GRUPOS ESCOLARES
Visitas guiadas para grupos escolares complementada cunha unidade didáctica. Inscrición previa no Departamento de Didáctica, tfno.: 982 242 300.

Todos os actos e actividades son de entrada libre e gratuíta.


13/4/10

Escola de Prevención de Riscos Laborais


Hai pouco botou a andar unha nova páxina da Escola de Prevención de Riscos Laborais (iniciativa do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, ISSGA), especialmente adicada á cultura preventiva temperá. Ten apartados moi curiosos e atractivos que podedes visitar, historia da prevención, revista Alerta... incluso hai un concurso de cómics cuxo prazo está a piques de rematar, só por participar xa podedes levar un set de material escolar.

Explora a páxina pinchando na imaxe!


XVI Festival Internacional de Teatro Universitario de Lugo


Grazas a colaboración entre Lugo Cultural e a Fundación Caixa Galicia poderemos disfrutar neste mes de abril, a partir de mañá, das novas creacións das escolas de teatro da USC, do Campus de Ourense, da Escola Superior de Arte Dramática de Asturias, da escola de Narón, do teatro da Universidade de Zaragoza e da Companhia do Jogo de Portugal.
No Auditorio Gustavo Freire de Lugo, as 21:00 horas e nas seguintes datas:

14 de abril, Unha dúbida razoable
15 de abril, Noche de Reyes
16 de abril, Comendo pementos de Padrón con Tarantino
17 de abril, El porvenir está en los huevos
18 de abril, Jorge!
19 de abril, As cuñadas
20 de abril, Odisea Espacial



10/4/10

VISITA A SAN PAIO DE NARLA


O mércores 21 da abril , pola tarde, imos a San Paio de Narla para encontrarnos cos autores dos dous libros lidos, Xosé Miranda e Xabier P. Docampo.

Para organizar a saída e preparar o encontro vémonos o próximo luns 12 de abril no recreo. Non faltedes.

8/4/10

Animación á lectura: Romeo & Juliet



Dentro das actividades de animación á lectura programadas pola biblioteca do centro, o departamento de inglés, en colaboración coa editorial Vicens Vives, organiza unha actividade en torno á obra Romeo and Juliet de William Shakespeare. A actividade está destinada ao alumnado de 4º de ESO e terá lugar mañá venres 9 de abril ás 9 da mañá na aula número 20.

1/4/10

Noraboa aos gañadores de Publicíta-t e aos participantes de Play! 2010


Este ano convocouse, dende a plataforma de Play! 2010 Desafío para Novos Emprendedores (competición de simulación empresarial organizada pola Escuela de Negocios de Caixanova), a 2ª edición de Publicíta-t. Establecéranse dúas categorías para participar neste concurso, o premio ao mellor logotipo, nome comercial e anuncio en prensa (medios escritos) e o premio ao mellor spot publicitario (medios audiovisuais).

Do noso instituto participou o alumnado de 1º de bacharelato A e C da materia de Economía, e temos moito que celebrar. En primeiro lugar, que o equipo Economyplay acadou o premio ao mellor spot publicitario (tamén tiñan que presentar un slogan e un briefing) que podedes ver abaixo. Parabéns ao equipo formado por Alejandra Cambiazo de Pedro, Adriana Cano Vila, Vanesa Fernández Rodríguez y Alejandro Mata Alonso. Recibirán cada un deles unha consola Wii.

Ademáis teremos representación do noso centro nas semifinais de Play! 2010, pois o equipo Reikampo clasificouse para competir cos outros 4 mellores equipos da provincia. Parabéns a Aarón Cabado Vázquez, Diana Casiani Gómez, Ana Eiras Coto, Tamara Fra Vilaboa e Magali Piedra Gutiérrez, …e moita sorte!

Gustaríame felicitar ao resto do meu alumnado de 1º de bacharelato, a todos e todas, porque participastes con gran ilusión, aproveitando unha estupenda oportunidade de aprender de forma lúdica. E por suposto, tamén a todos os institutos participantes.

Máis información AQUÍ.


26/3/10

JOHN TERRENCE TATE, PREMIO ABEL



A Academia das Ciencias e das Letras de Noruega acaba de distinguir a John Terrence Tate co premio Abel, considerado como ó Nobel das Matemáticas, polos seus traballos en teoría de números.

O premio foi establecido polo Parlamento Noruego no ano 2002. Un comité composto por cinco matemáticos de recoñecido prestixio internacional seleccionan ao gañador de cada ano.

A teoría de números é a rama das matemáticas que estuda as propiedades dos números enteiros e conta cun certo número de problemas (Conxetura de Golbach, Conxetura dos números primos..) que son fácilmente comprensibles para os non matemáticos. Divídese en dúas ramas pricipais: na teoría de números elementais estúdanse os números enteiros sen empregar técnicas doutros campos das matemáticas e na teoría de números alxebraicos o concepto de número esténdese para incluir os números alxebraicos que xorden como raíces de polinomios con coeficientes racionais.

22/3/10

O MATEMÁTICO PERELMAN GAÑA O PREMIO DO MILENIO




Si, xa sei o estades pensando ao ver a cara que ten. O seu físico e a súa forma de actuar cadra moi ben co estereotipo de xenio tolo, pero estades ante o que pode considerarse como un dos matemáticos máis importante do mundo. Hai uns anos resolveu a Conxetura de Poincaré, que fora proposta no ano 1900 no Congreso Internacional de París, polo que no ano 2006 se lle concedeu a Medalla Fields, que é o Nobel para matemáticos menores de 40 anos. Non acudiu a recoller o premio no congreso que se celebrou en Madrid.



Ahora o Instituto Clay, con sede en Estados Unidos, concedeulle o seu primeiro galardón Problema do Milenio dotado cun millón de dólares. Ninguén sabe se aceptará o premio porque dende o ano 2006 rexeita o contacto cos seus colegas e crese que abandonou totalmente as matemáticas.


Para saber máis pincha aquí

21/3/10

E no cotián... a poesía: Florbela Espanca 1894-1930


Hai xa dez anos que a Unesco celebra o Día Mundial da Poesía. En palabras da directora xeral da UNESCO, Irina Bokova: "a poesía captura aquela parte da experiencia humana que é máis dificil de interpretar." Quizá por iso sexa difícil expresar, se non é poeticamente, en que consiste o oficio de poeta. Florbela Espanca, a autora portuguesa que traemos hoxe a este blog, fai unha tentativa no seguinte poema:

Ser poeta é ser mais alto, é ser maior
Do que os homens! Morder como quem beija!
É ser mendigo e dar como quem seja
Rei do Reino de Áquem e de Além Dor!

É ter de mil desejos o esplendor
E não saber sequer que se deseja!
É ter cá dentro um astro que flameja,
É ter garras e asas de condor!

É ter fome, é ter sede de Infinito!
Por elmo, as manhãs de oiro e de cetim...
É condensar o mundo num só grito!

E é amar-te, assim, perdidamente...
É seres alma, e sangue, e vida em mim
E dizê-lo cantando a toda a gente!

20/3/10

Poemas por sms



Na véspera do Día Mundial da Poesía, facémonos eco desta iniciativa da asociación cultural Orihuela 2010. Xa na segunda edición, este certame de poesía valorará especialmente a relación dos poemas co universo poético de Miguel Hernández, poeta natural desa localidade alacantina do que se celebra este ano o centenario do nacemento. Os poemas non poden exceder de 155 caracteres e deben empregar o código habitual dos sms, podendo estar escritos en castelán ou valencián. O prazo de envío dos poemas remata o 30 de abril e o primeiro premio é un miniportátil. Podedes consultar todos os requisitos de participación na páxina da asociación.



17/3/10

Club de lectura


O próximo luns, 22 de marzo, vémonos no recreo para rematar o libro que estamos a ler: "Cando petan na porta pola noite" de Xabier P. Docampo.

Compartiremos a lectura das dúas historias que nos quedaban.

16/3/10

Finalistas no concurso do manifesto do correlingua 2010


Este ano participaron do noso instituto varios grupos de alumn@s no concurso. Os de 2º de Bacharelato A conseguiron quedar de finalistas: o premio consiste nunha excursión didáctica de dous días dentro do Proxecto Terra organizado polo Colexio de Arquitectos de Galiza, onde colaboran entre outras entidades a Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
Parabéns aos nosos alumn@s, que disfrutedes do viaxe!

O Manifesto premiado é "Manifesto máis aquí!", que reproducimos:

Nós os galegos nun momento da nosa historia deixamos de ser nós; dende que lle arrebataron o trono a Xoana a Beltranexa, dun día para outro vímonos avasalados por Castela, impuxéronos un idioma que non era o noso, roubándonos a nosa cultura. Estivemos silenciados ata que nos socorreron uns heroes encabezados pola nosa querida Rosalía de Castro baixo o lema "denantes mortos que escravos", entón puxémonos en pé e comezamos coa nosa loita para recuperar a nosa propia identidade e a día de hoxe nós, coma galegofalantes e ferventes defensores do noso idioma manifestámonos para evitar unha nova etapa de silencio. Dános mágoa a xente que non é capaz de entender o que é sentir morriña pola nosa propia terra.

Non podemos permitir que pola perda da lingua de Pondal os nosos fillos medrasen vendo "cascadas" no lugar de fervenzas, que teñan "novias guapas" no lugar de mozas riquiñas coas que pasar o tempo de lecer.
Deberiamos ter en conta que o idioma galego vén de moitas xeracións e pensamos que para a súa difusión precisamos de todos os medios posibles como a radio ou o cine porque... como esquecer as tardes diante do televisor vendo o Xabarín Club e cantando as inesquecibles cancións como por exemplo "estou na lavadora" ou os cánticos de Heredeiros da crus, porque preferimos os "Bolechas" a "Manolito Gafotas", e porque a nosa vida é máis fácil sen tempos compostos.

En síntese, e para non aburrir ao lector ou lectores, o galego é un idioma digno do cal nos podemos sentir realmente orgullosos, por iso dende aquí queremos concienciar á xente de que "maloserá" que se nos xuntamos todos e nos valoramos como galegos que somos, chegaremos a acadar de novo a época de esplendor da que gozaban os nosos devanceiros onde a nosa lingua se valoraba moito máis que nos tempos que corren, pleno século XXI.
Por todos estes motivos só diremos con respecto ao galego:

"Ten as súas razóns o corazón que non entende a razón"

Noraboa tamén ao resto de participantes e en especial aos gañadores, podedes ler o seu manifesto AQUí.

15/3/10

Escher e Matemáticas




Durante os próximos días estará instalada no corredor da planta baixa e na aula 20 a exposición interactiva Escher e Matemáticas (Diálogo entre ciencia e arte).
O conxunto da actividade reúne unha pluralidade de formatos: actividades manipulativas, actividades informativas e de guía para a interpretación das obras de Escher, actividades de observación interactiva e actividades de interpretación.


Día Mundial do Consumidor


O 15 de marzo de 1962, o presidente dos Estados Unidos nese momento, John F. Kennedy, anunciou os dereitos de todos os consumidores e invitou a convocar este día como Día Mundial do Consumidor.
Non foi ata o 15 de marzo de 1983, máis de vinte anos despois do discurso de Kennedy, cando se celebrou por primeira vez este día, que supón unha chamada de atención a todos os cidadáns, sobre a idea de que só un consumo responsable é bo, algo polo que traballan tanto as asociacións de consumidores como todos os organismos públicos de consumo.
Foi o 9 de abril de 1985 cando a Asemblea Xeral de Nacións Unidas adoptou as Directrices de Nacións Unidas para a Protección dos Consumidores, quedando así os dereitos destes elevados a unha posición de recoñecemento e lexitimidade internacional.
Este ano 2010 conmemóranse 48 anos dende a primeira declaración dos dereitos dos consumidores, e vemos que estes experimentaron e viviron moitos cambios: un novo medio de consumo que é Internet; unha nova moeda, o euro, algunhas das crises alimentarias e sanitarias máis graves dos últimos anos...

Aínda seguimos a experimentar cambios e a intentar adaptarnos, pero quizáis o máis importante sería conseguir que as nosas accións contribuisen a crear unha sociedade máis xusta, máis solidaria e máis sostible.

¿CÓMO? Optando por un consumo responsable día a día. Intermon Oxfam xunto con Hispacoop edita e facilita a Guía para un consumo responsable. Podes descargala si pinchas no enlace na páxina de Intermon Oxfam AQUÍ.

No Día do Consumidor, as asociacións de todo o país recordan aos cidadáns que coñecer os seus dereitos é algo básico para no deixarse avasallar pola avalancha de intereses comerciais que lles rodean. Saber que se pode esixir é unha garantía.


Outros enlaces de interese:


12/3/10

Miguel Delibes 1920-2010


Chéganos hoxe a nova do pasamento de Miguel Delibes. Non é doado dicir algo orixinal ou novidoso dun autor tan coñecido. Cremos que non haberá mellor maneira de facernos eco desta nova que a de propoñervos a lectura dalgunha das obras deste autor das que dispoñemos na nosa biblioteca. Pero en tanto non chega o luns, para que poidades solicitar o préstamo, déixovos co comezo (ou case) de Cinco horas con Mario: "Después de cerrar la puerta, tras la última visita, Carmen recuesta levemente la nuca en la pared hasta notar el contacto frío de su superficie y parpadea varias veces como deslumbrada. Siente la mano derecha dolorida y los labios tumefactos de tanto besar. Y como no encuentra mejor cosa que decir, repite lo mismo que lleva diciendo desde la mañaña:"Aún me parece mentira, Valen, fíjate; me es imposible hacerme a la idea."
Espero que este comenzo sirva para encamiñar a algúns á lectura da obra e ao descubrimento do seu universo, cumprindo así a función que ao comezo dun libro lle atribue Amós Oz na súa obra La historia comienza: "el comienzo de casi todos los relatos es realmente un hueso, algo con lo que cortejar al perrito, que puede acercarlo a uno a la dama."

10/3/10

Número 3 do boletín

Con motivo da inauguración dun punto de lectura no corredor da entrada do instituto, publícase o número 3 do boletín da biblioteca. Non ten outra finalidade que a de informar da súa creación e das posibilidades que ofrece á comunidade educativa. Libros, comics, revistas e xornais saen da biblioteca ao encontro dos lectores.




8/3/10

SEMANA DA PRENSA


A lectura da prensa diaria serve para coñecer a realidade cotiá; ademais, aprender a facer unha lectura crítica é fundamental para reflexionar sobre os sucesos diarios dos distintos ámbitos dunha sociedade inmersa nun mundo globalizado. Para non estar perdido, para poder situarse nunha sociedade plural e rapidamente cambiante, hai que ter información sobre o que ocorre, sobre o que se opina e sobre o que se discute, ao noso arredor e no outro extremo do mundo. E para obter esa información e reflexionar sobre ela, a prensa escrita é un medio privilexiado.

No instituto poderanse ler esta semana, ademais dos xornais habituais, outros en distintos idiomas que estarán no recén inaugurado punto de lectura.

Tamén hai a posibilidade de utilizar a prensa dixital española e doutros países, con sitios como Online Newspapers, completo directorio que se organiza por continentes e países, e tamén alfabeticamente.


Non tes escusa para non estar informado!

Inauguración do PUNTO DE LECTURA


Hoxe, luns 8 de marzo, inauguramos o punto de lectura no corredor de entrada do instituto.


É un punto de libre acceso durante os tempos de lecer, polo que o alumnado pode facer uso do material neses momentos da xornada.


Cando se utilice o material recolocarase no seu lugar de orixe, e cando se queira levar prestado rexistrase o préstamo na biblioteca.


O uso responsable do mesmo será beneficioso para todos.


Esperamos que sexa do voso agrado.

4/3/10

Entrega de premios do concurso "matemáticas na música"


O pasado día 12 de febreiro tivo lugar a entrega de premios do concurso "matemáticas na música" que gañou o alumno de 4º de ESO Cristian Toimil Arango. Aquí está posando xunto cos finalistas e cos membros do xurado. Parabéns a tod@s os que participaron e esperámosvos para a próxima convocatoria.

2/3/10

Premio Escolar Paz e Cooperación 2010


O lema é COIDA O teu PLANETA - Todos contra o cambio climático, e ten varias categorías:

1. DEBUXO: Ata os 6 anos.
Unha imaxe vale máis que mil palabras. Representa nun papel como é o planeta no que che gustaría vivir. Podes utilizar pinturas de todo tipo, e ata calquera tipo de materiais que poidas pegar como follas de piñeiro, algodón, flores, etc., pero recorda que a túa misión é coidar o teu planeta.
2. CARTEL E LEMA: De 7 a 12 anos. A importancia de dar exemplo.
O chan estase degradando a un ritmo alarmante. As especies vexetais e animais están desaparecendo a un compás sen precedentes. O cambio climático está provocando unha elevación do nivel do mar e acrecentando o perigo de secas e inundacións. Se sobreexplotan a pesca e outros recursos mariños. Tanto nas zonas urbanas como nas rurais, miles de millóns de persoas carecen de auga potable e de instalacións básicas de saneamento. STOP! As persoas intelixentes non queremos un mundo así. Ilustra nun cartel con expresivo lema que accións concretas pódense realizar para mellorar o medio ambiente e salvar ao planeta.
3. MURAL: De 13 a 16 anos. Aprender a cooperar.
Coidar o planeta empeza por un mesmo; pero NON é só unha tarefa individual. Debemos traballar de xeito coordinado porque os recursos son limitados e temos que compartilos con persoas que coñecemos e con outras que non coñecemos. O coidado do planeta únenos. Reúnete cos teus compañeiros e elabora un mural no que se mostre que a unión fai a forza. Sen cooperación non pode haber un planeta feliz.
4. CAMPAÑA PUBLICITARIA: De 16 a 18 anos.
Propoñémosche que imaxines que es un publicista e que tes que elaborar unha campaña de comunicación en todo o mundo para concienciar sobre a necesidade de coidar o planeta. Elabora e deseña de forma gráfica e resaltando os valores positivos a campaña "Coida o teu planeta".
5.- Día Mundial do Medio Ambiente (5 de Xuño) ou Día da Terra (22 de Abril). Profesores.
Aos profesores invítaselles a organizar unha festa con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente ou do Día da Terra para compartir esta celebración con todos os centros escolares do mundo. Gravar un vídeo ou unha reportaxe fotográfica.
6. Crear un club de Amigos do Planeta. Para todas as idades incluíndo familiares e coñecidos.
¡Coidar o planeta é un traballo en equipo! Crea o teu propio club, ponlle un nome, deseña o seu logotipo e compón o seu himno. Comunícanos esta boa noticia mediante un CD, un DVD ou similar. En 2011 organizaremos un campionato mundial de clubs, un mundialiño para o planeta.

Idiomas: Os traballos dos estudantes e profesores presentaranse en calquera dos 6 idiomas oficiais de Nacións Unidas: árabe, chinés, español, francés, inglés e ruso.
Prazo de entrega: Os traballos deberán enviarse antes do 5 de xullo de 2010 á sede de Paz e Cooperación en Madrid por correo postal ou electrónico. Fundación Paz e Cooperación. C/ Meléndez Valdés, Nº 68, 4 izq. 28015 Madrid (España) Tel. (34) 91 549 61 56 Fax: (34) 91 543 52 82. Email:pazycooperacion@hotmail.com
Nos traballos deberán figurar claramente: nome completo, data de nacemento, dirección, teléfono e o centro escolar ao que pertencen, facéndose constar así mesmo a dirección, teléfono e correo electrónico de devandito centro. O xurado Internacional reunirase en Madrid o 24 de Outubro de 2010, Día das Nacións Unidas, no Instituto Exipcio de Cultura.

Premios: Catro diplomas en cada categoría. Seis premios de 300 euros. Dous billetes de avión ofrecidos por Airline Ambassadors (válidos para a categoria 6)
O fallo do xurado publicarase en Internet, na Web de Paz e Cooperación, http://www.peaceandcooperation.org/.