Mostrando entradas con la etiqueta Biblioteca. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Biblioteca. Mostrar todas las entradas

13/6/11

Lecturas para o verán

Chegando xa ao remate deste curso, queremos propor algunhas lecturas para o verán entre os últimos libros recibidos... pero non son os únicos! Hai moitas máis novidades na biblioteca, e moitas delas son propostas vosas, así que seguro que vos gustan.

18/3/11

Máis perto de Saramago


Hoxe, 18 de marzo, cúmprense nove meses da morte de José Saramago. Nove meses que é o que se tarda en morrer, segundo deixou escrito o autor en O ano da morte de Ricardo Reis, porque nove meses é o que, polo xeral, se tarda en nacer. Por iso, a Fundación Saramago decidiu despedir ao escritor abrindo a súa casa e a súa biblioteca da illa de Lanzarote, para que os seus amigos, os seus lectores e as persoas que necesiten ver como, onde e de que xeito traballaba e vivía o escritor, poidan percorrer o conxunto que habitou a maior parte dos seus últimos anos de vida e onde escribiu os seus libros.

A partir do día 21, desde as 10 da mañá ata as 14 da tarde poderase visitar a casa e a biblioteca en grupos reducidos de non máis de 15 persoas. A Casa estará aberta ao público de luns a sábado,  incluídos estes, e o percorrido realizarase cada media hora con dous guías. Os visitantes recibirán un folleto explicativo da casa e dos lugares que Saramago máis habitaba. Ao pasar pola cociña, servirase un café portugués. Ao final do percorrido haberá unha tenda con libros de José Saramago en todos os idiomas, así como discos, filmes, cadernos, postais e outras formas de achegamento ao escritor.

Para os que admiramos ao escritor, Saramago nunca morrerá, quedan os seus libros, fiel testemuña de que pervive, como todo o que segue a existir na memoria.


17/3/11

Nova Biblioteca de Signos Didáctica


A biblioteca virtual Miguel de Cervantes inaugurou o 8 de marzo a Biblioteca de Signos Didáctica, dotada de material adaptado ao alumnado xordo cunha lección en Lingua de Signos Española (LSE) titulada "O corpo humano. Os cinco sentidos". En breve publicaranse máis contidos que versarán sobre bos hábitos para unha alimentación sa e variada, o recoñecemento de obxectos presentes no camiño de casa á escola, o deporte e a expresión de emocións e sentimentos, entre outros temas.

Desta forma, pretende ofrecer un novo recurso co que cubrir en parte a ampla gama de disciplinas de educación primaria e secundaria, para as que "escasean na actualidade" materiais didácticos para este alumnado. Este novo espazo conterá, ademais, explicacións teóricas en LSE con subtítulos en español, e numerosas actividades interactivas coas que traballar.

A biblioteca virtual Miguel de Cervantes  ten como principal obxectivo a difusión da literatura e as letras iberoamericanas no mundo, e ofrece, a través da rede, libre acceso a máis de 130.000 rexistros bibliográficos. 
Tedes o enlace permanente no apartado de lectura.

3/5/10

3 de maio, o noso primeiro aniversario



Hoxe hai un ano que este blog botou a andar. Felizmente, nestas datas estanse a realizar moitas actividades organizadas desde a biblioteca: exposición da historia do libro e da escritura, club de lectura, concursos de matemáticas, relatos e poesía, mellora do punto de lectura...

Ás veces pensamos que cando decidimos poñer en marcha o blog non sabiamos onde nos metiamos... ou si. Desde logo é un traballo ao que lle hai que botar moitas ganas, tempo, continuidade, paciencia... e que sempre é mellorable: aínda hai moito que aprender. Afortunadamente, houbo xente que, coma nós, viu nel un gran potencial e se entusiasmou aportando moitas ideas e, como non, traballo.

Non sabemos como agradecérllelo a tod@s. Aos que día a día, ou de cando en vez, veñen poñer o seu graniño de area, que en moitas ocasións aderezan con sorrisos, palabras alentadoras sobre o traballo da biblioteca... a todos eles grazas inmensas.



13/11/09

Nace o Club de Lectura


Queres comezar novas aventuras?

Tes un montón de amigos esperando.

Soña

imaxina

emociónate

explora

aprende

vive

voa

le...

PARTICIPA!

2/11/09

Unha ciberoteca escolar chea de recursos


Neste sitio accederás a ciberoteca escolar, onde poderás atopar todo tipo de recursos para os estudios e para o teu tempo de ocio. Percorre os diversos apartados e descobre todo o que pode ofrecerche a rede: libros virtuais, para que poidas descargalos e gardalos no teu ordenador, enlaces co mellor de Internet (idiomas, mapas, xogos, música, os teus personaxes favoritos, etc. ), consellos para coidar o medio ambiente, son os cadernos editados pola Fundación Bancaja, e moitísimas cousas máis...

Por suposto que este recurso o enlazaremos no apartado de lectura da parte esquerda do blog.


11/10/09

tbr ms ntrncnl d Bbltc sclr


Seguro que fostes capaces de ler o título sen as vocais, é incrible, verdade?
Pois lestes ben, este mes está dedicado a destacar o importante papel da biblioteca escolar. É un espazo de lectura, entendendo por tal "Lectura de todo tipo de texto, en todo tipo de soporte, con todo tipo de finalidades". Na nosa biblioteca atoparedes novelas, dicionarios, películas, cómics, revistas, xornais, oportunidade de investigar co ordenador... Tamén nesta semana que comeza haberá un buzón para as vosas suxerencias de actividades, de posibles melloras nos servizos, libros interesantes que mercar... ou o que queirades propoñer.

En comentarios a este post podedes tamén facernos chegar as vosas ideas, e si queredes podedes tamén colaborar escribindo un post no que nos contedes un conto, nos recomendedes un libro ou nos faledes de algo interesante que podamos ler todos.

Si, a biblioteca é nosa, de tod@s e para tod@s .

Achégate a ela!