30/3/11

Día da liberdade dos documentos (DFD)

Hoxe 30 de marzo celebramos en todo o mundo o Día da Liberdade dos Documentos (en inglés Document Freedom Day - DFD). Trátase dunha iniciativa da Free Software Foundation que pretende chamar a atención sobre a importancia da redacción, publicación e difusión de documentos en formatos abertos, así como do uso xeral de códigos abertos que garantan a interoperabilidade e a liberdade de elección de aplicacións informáticas.
En Lugo, o Centro de Innovación Social abre as súas portas coa intención de explicar en que consisten os formatos e estándares abertos. Ademais, todas as persoas que así o desexen poderán instalar na súa computadora o OpenOffice ou LibreOffice. O centro está situado na Travesa de Frei Plácido Rei Lemos e estará aberto de 10 da mañá a 2 da tarde e de 4 a 6 da tarde.

29/3/11

DE MAIORES A PEQUENOS



      O club de lectura "As estantigas veteranas" visitou o pasado 24 de febreiro o CEIP Quiroga Ballesteros. Fomos compartir uns contos cos máis pequenos: A figueira de Pelostortos, El gallo Quirico e Croco. Os pequenos, de cinco e seis anos, quedaron enfeitizados coa teatralización que os maiores fixeron das lecturas. Os maiores disfrutaron coa cara de asombro e coa atención prestada polos cativos e viron recompensado o traballo que tantos recreos lles ocupou. Todo un pracer para todos. Graciñas aos profes do cole pola acollida que lle deron á actividade e a hospitalidade coa que nos recibiron. Cun chocolate con churros no camiño de volta ao instituto, rematamos a actividade. Dispostos a repetila, quen sabe onde?

28/3/11

Por onde andan os clubes de lectura?

Aínda que xa hai un tempo que non aparecemos por aquí, todos estamos a elo.
Os Estantigas veteranos andan lendo "Na cerna da selva" de Pepe Tobarnela e os máis novos, Estantigas 1 e 2, están pasando un pouco de medo, segundo din, coa lectura de "La sombra del gato y otros relatos de terror" de Concha López Narváez.
Recordade que a próxima reunión é o venres 8 de abril no recreo.
Como podedes ver, estreamos a imaxe que nos identificará de agora en diante. Moitísimas grazas ao seu autor.

27/3/11

PREMIOS CLIMÁNTICA

Poderán participar todos os estudantes matriculados en calquera centro educativo noeste curso, e o prazo de presentación de traballos queda aberto desde a data de comunicación na web de Climántica ata o 31 de maio do 2011. Esta  edición vai ter un carácter virtual e polo tanto os traballos terán que ser subidos á páxina web do congreso antes das 24 horas do último día de prazo. Dentro do apartado “Como participar?”  encóntranse seis titoriais (dous por nivel) en vídeo e en formato pdf  con todos os pasos a seguir para cargar os traballos na plataforma, segundo sexa formato de documento (pdf, Powerpoint, Word, OpenOffice), imaxe ou vídeo.

Todos os traballos se publicarán no n.º 4 da revista CLMNTK e os da categoría multimedia, ademais, poderanse ver na sección Alumnos do apartado Biblioteca de climantica.org.

Os traballos que optan á categoría de premios xerais, consistentes en campamentos ambientais de verán, deberán realizarse de forma individual ou por parellas. Os que superen o número de dous, incluiranse na categoría de premios especiais a grupos grandes: teatro, dramatizacións, coros, etc.

Os traballos terán que ver coas temáticas do proxecto e tomarán como referencia os seguintes xéneros:

1. Relatos 2. Poesía 3. Curtos cun guión ambiental 4. Vídeos musicais 5. Vídeos de obras de teatro 6. Fotografía comentada 7. Banda deseñada 8. Presentacións 9. Póster 10. Debuxos 11. Reportaxes multimedia 12. Xogos e pasatempos

Tedes moitas posibilidades para escoller aquela que máis vos guste!
Pincha na imaxe e infórmate de como participar!

26/3/11

Apaga a luz, acende o planeta



A HORA DO PLANETA:
MOITO MÁIS QUE UNHA HORA
20:30, sábado 26 de marzo de 2011

Hoxe, ás 20:30, individuos,
comunidades, empresas e gobernos de todo
o mundo apagarán as súas luces durante unha hora -A Hora do Planeta-,
trascendendo todas as barreiras de relixión, cultura, sociedade, xeración e localización xeográfica nunha celebración global polo Planeta.

----Esta nova edición, baixo o lema 'Apaga a luz, acende o Planeta', ten como obxectivo movilizar a máis de 1.000 millóns de persoas nos cinco continentes, para que apaguemos as luces dos nosos fogares por espazo dunha hora -entre as 20,30 e as 21,30-.


----O obxectivo desta iniciativa é concienciar da necesidade de reducir o noso consumo enerxético para loitar contra o cambio climático e o aumento das temperaturas.
----
Durante a Hora do Planeta 2010, cidadáns de 128 países de todos os continentes apagaron as súas luces para simbolizar a loita contra o cambio climático.

¿COMO PODES PARTICIPAR?

----
Uníndoche hoxe ao apagón, e ademais se entras en:
www.horadelplaneta.es/participa-ciudadanos.php descubrirás máis formas de participar.

------

JOHN MILNOR, PREMIO ABEL


John Milnor, matemático estadounidense da universidade novaiorquina de Stony Brook, é o gañador este ano do premio Abel de matemáticas polos seus "descubrimentos pioneiros en topoloxía, xeometría e álxebra". O premio otórgao a Academia Noruega de Ciencias e Letras e considérase o premio Nobel de matemáticas.
Para ler máis pincha aquí.

25/3/11

ILUSTRADORES GALEGOS

Aproveitando a excelente idea promovida pola biblioteca  de fomento da lectura a través dos cómics, o Equipo de Normalización Lingüística do IES Xoán Montes deciciu facer unha sinxela exposición dos traballos de varios ilustradores e deseñadores gráficos de Galicia, acompañados dunha breve reseseña biográfica.
Podedes vela na entrada do instituto.
(Feito por Anxos e Meri)

24/3/11

Falamos de drogas


O noso instituto participou onte xunto con outros centros de Lugo no debate "Falemos de Drogas", no Auditorio Gustavo Freire, dentro do programa do mesmo nome organizado pola fundación “La Caixa”.
O programa educativo  iniciouse en Lugo o pasado 26 de xaneiro cunha sesión de formación para o profesorado de Educación Secundaria, sobre neurobioloxía da adicción e efectos das drogas no cerebro. Nesa sesión entregouse a todos os profesores os materiais educativos do programa de prevención, que tratan dos efectos das drogas no cerebro, no corpo e no comportamento. A partir de aquí, profesorado e alumnos analizaron en clase durante dous meses as consecuencias das substancias tóxicas sobre o sistema nervioso, visitaron a exposición “Falemos de Drogas” en Lugo  e prepararon as preguntas para o debate.

Do traballo realizado nas clases das profesoras María Inmaculada e Leonor foron seleccionadas as seguintes preguntas, presentadas por outros tantos alumn@s de 3º e 4º da ESO:
que efectos ten o consumo de cristal? (Belén Encabo), por que o consumo de cocaína produce inapetencia sexual? (Beatriz Álvarez), e pódese volver a ser como antes despois de abandonar o consumo de drogas? (Antonio Guglandiolo).
A estas e moitas máis preguntas deu resposta o Dr. Rafael Maldonado, Catedrático de Farmacoloxía da Universidade Pompeu Fabra, experto no tema, favorecendo a reflexión e desmentindo algúns mitos sobre o mundo das drogas. 
Os estudantes, pasaron de ser meros receptores a partícipes activos dun debate importante, pero desde unha perspectiva diferente: a científica.
En resumo, unha actividade moi enriquecedora que hai que agradecer á fundación "La Caixa" así como as profesoras e alumnado que colaboraron activamente.
Máis información premendo AQUÍ e na imaxe de enriba.


21/3/11

Semana cultural da Escola Oficial de Idiomas


Que é a poesía?

"Debo dicirvos que non atopei a ninguén que fale da poesía mellor que os propios poetas". Platón




Na nosa biblioteca tamén queremos homenaxear á poesía no seu día. Non atopamos nada mellor que as emotivas lecturas poéticas coas que os alumnos e alumnas, aos que damos os parabéns polo esmerado traballo, nos deleitan. Para escoitalas so tedes que pinchar na pestana de Audios que aparece arriba. Agradecemos o gran traballo de Pilar, que fixo posible esta fermosa actividade. 

20/3/11

21 de marzo, Día Mundial da Poesía.

A poesía ten mil caras e nace sempre do máis profundo das culturas dos pobos. Desde hai moito tempo, a Organización das Nacións Unidas, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) ven respaldando o traballo dos poetas, editores e profesores do mundo enteiro.
Este ano, novamente, con motivo do Día Mundial da Poesía, a UNESCO desexa lembrar a importancia artística e o vigor da poesía, co fin de promover a lectura.
Tamén é importante comprender os profundos lazos que unen á poesía con todas as demais artes e técnicas, que lle sirven ao home para dar sentido ao mundo no que vive. Dicía Mallarmé que a poesía é "a expresión, por a linguaxe humana devolta ao seu ritmo esencial, do sentido misterioso dos aspectos da existencia".
A poesía non só sirve para comunicar ideas e/ou transmitir información, senón que, a costa do labor incesante la lingua, mantén vivo o verbo humano e revela sempre o brillo orixinal da cultura.

Así, propoñemos unha serie de enlaces a páxinas onde se recolle poesía doutras latitudes, culturas, relixións, etc.:
-Poesía árabe. Unha web onde atoparedes a tradución dalgunha das obras de poetas árabes tan importantes como Adonis ou Mahmud Darwish.
-Poetas chinos. Unha web onde atoparedes reseñas biográficas e poemas de diferentes autores chinos.
-Cien poemas Zen Un blog dedicado á poesía oriental.
-Poetas africanos. Desde aquí poderedes acceder a unha antoloxía de poemas escritos por autores africanos que tocan diversos temas moi variados, entre eles, o atentado do 11M en Madrid.
-Papusza, poetisa romaní. Un post de Demetrio Gómez onde da a coñecer a figura e a obra dunha poetisa romaní/xitana e polaca que todos deberiamos de coñecer.

18/3/11

Preséntome

Ola,
Son Pilar, e voume incorporar á comunidade do "sorriso" disposta a dar moita tralla.

Quérome estrear -como non!- cunha invitación á lectura, aínda que xa sei que vós gustades dabondo do pracer de ler.

Velaí tedes a miña invitación:

Saúdos a todas e a todos
Vémonos!
---Lémonos!...
---------Sorrímonos!

-

Máis perto de Saramago


Hoxe, 18 de marzo, cúmprense nove meses da morte de José Saramago. Nove meses que é o que se tarda en morrer, segundo deixou escrito o autor en O ano da morte de Ricardo Reis, porque nove meses é o que, polo xeral, se tarda en nacer. Por iso, a Fundación Saramago decidiu despedir ao escritor abrindo a súa casa e a súa biblioteca da illa de Lanzarote, para que os seus amigos, os seus lectores e as persoas que necesiten ver como, onde e de que xeito traballaba e vivía o escritor, poidan percorrer o conxunto que habitou a maior parte dos seus últimos anos de vida e onde escribiu os seus libros.

A partir do día 21, desde as 10 da mañá ata as 14 da tarde poderase visitar a casa e a biblioteca en grupos reducidos de non máis de 15 persoas. A Casa estará aberta ao público de luns a sábado,  incluídos estes, e o percorrido realizarase cada media hora con dous guías. Os visitantes recibirán un folleto explicativo da casa e dos lugares que Saramago máis habitaba. Ao pasar pola cociña, servirase un café portugués. Ao final do percorrido haberá unha tenda con libros de José Saramago en todos os idiomas, así como discos, filmes, cadernos, postais e outras formas de achegamento ao escritor.

Para os que admiramos ao escritor, Saramago nunca morrerá, quedan os seus libros, fiel testemuña de que pervive, como todo o que segue a existir na memoria.


17/3/11

Nova Biblioteca de Signos Didáctica


A biblioteca virtual Miguel de Cervantes inaugurou o 8 de marzo a Biblioteca de Signos Didáctica, dotada de material adaptado ao alumnado xordo cunha lección en Lingua de Signos Española (LSE) titulada "O corpo humano. Os cinco sentidos". En breve publicaranse máis contidos que versarán sobre bos hábitos para unha alimentación sa e variada, o recoñecemento de obxectos presentes no camiño de casa á escola, o deporte e a expresión de emocións e sentimentos, entre outros temas.

Desta forma, pretende ofrecer un novo recurso co que cubrir en parte a ampla gama de disciplinas de educación primaria e secundaria, para as que "escasean na actualidade" materiais didácticos para este alumnado. Este novo espazo conterá, ademais, explicacións teóricas en LSE con subtítulos en español, e numerosas actividades interactivas coas que traballar.

A biblioteca virtual Miguel de Cervantes  ten como principal obxectivo a difusión da literatura e as letras iberoamericanas no mundo, e ofrece, a través da rede, libre acceso a máis de 130.000 rexistros bibliográficos. 
Tedes o enlace permanente no apartado de lectura.

15/3/11

Poesía na biblioteca



Como xa anunciamos, este xoves asistimos á clausura do obradoiro de literatura. A verdade é que estivo chea de sorpresas, os alumn@s, a quen damos os parabéns polo seu gran traballo, recitaron as súas inspiradas creacións, puidemos disfrutar dun conto que escribiron e das felicitacións e consellos dos profesores, Joaquín Carballido e Paco Reija. A eles vai o noso agradecemento polo seu  magnífico labor, realmente desbordan tanto amor á literatura que contaxiáronnos a todos á vez que rimos cos seus sempre enxeñosos comentarios.

Por outra banda tivemos a gran sorte de poder disfrutar das palabras de J. Luís Calvo Vidal,  escritor moi vinculado a Lugo. Presentounos o seu último libro chamado Cantos de docedume, deleitounos con poesía súa inédita, transmitíndonos toda a maxia que envolve a creación do poeta, animando a escribir, respondendo ás dúbidas dos asistentes... A el tamén lle agradecemos inmensamente a súa desinteresada e enriquecedora participación.

E vistes como lucía, con tantos poetas, poetisas e poesía, o sorriso da nosa biblioteca?

11/3/11

CÓMICS, PARA VER E LER


Durante os meses de marzo e abril temos á vosa disposición unha selección de cómics no punto de lectura. Consta de corenta títulos: clásicos como Tintín, Astérix, Mafalda... e outros de actualidade como Emigrantes, MAUS, Persépolis... Son un préstamo da Fundación Germán Sánchez Rupérez dentro do seu programa Lecturas de ida e volta. A todos eles sumánse os que nos presta o I.E.S. Fernando Esquío de Neda.
E para completar, tamén podedes disfrutar da exposición sobre a historia do cómic, grazas ao traballo da nosa amiga Begoña López Soto, e dun boletín de participación cun encrucillado para resolver e gañar premios ao rematar a exposición.

9/3/11

Obradoiro de literatura







Nas tardes dos mércores estase a desenvolver na biblioteca un obradoiro de literatura, no que participan alumnos de todos os cursos interesados na escritura. Este obradoiro está guiado por Joaquín Carballido e Paco Reija.   
O xoves día 10 contaremos coa presenza do escritor e profesor Luis Calvo Vidal que nos presentará o seu último libro.
Convidamos a todos a participar neste evento a partir das catro da tarde.

Semana da prensa

Wordle: Untiprensa
Por que ler o xornal?

Prensa-Escuela propón 7 razóns:
1.Lendo o xornal aprenderás a escribir e expresarte mellor.
2.Estarás informado do que acontece ao teu redor e poderás opinar sobre distintos temas.
3.Poderás reflexionar sobre a actualidade, ser máis crítico e que non che dean gato por lebre.
4.Saberás de que falan os maiores, poderás discutir con eles sobre temas importantes e, mesmo, ¡levarlles a contraria!
5.O xornal será o teu mellor libro de texto: distinto cada día.
6.Converterase na túa novela de aventuras favorita e irá contigo toda a vida.
7.E saberás que poñen no cinema, na tele, que se leva esta tempada, como vai a Liga… E moitas máis cousas que de seguro che interesarán.

Para saber máis pincha aquí.

Ademais dos xornais que diariamente sabedes que están no punto de lectura, o xoves e venres desta semana (10 e 11) haberá exemplares doutros xornais en distintas linguas que poderedes utilizar.

8/3/11

Imaxes que nos lembran...



Grazas a todas esas mulleres que sempre loitaron polos seus dereitos, os nosos dereitos, e grazas as que seguen traballando e loitando.

7/3/11

8 de marzo, Día Internacional da Muller

Mulleres, avoas, fillas, netas... o día 8 de marzo é o voso día! Un día para lembrar o papel e a dignidade das mulleres no proceso de conciencia do seu valor humano dentro da sociedade.
Un día para contestar, para rexistrar, e espertar ao mundo para a importancia da actuación da muller en todos os ámbitos. Un día é pouco para celebrar unha loita constante, diaria, e sen descanso. Un día é pouco para recoñecer a participación das mulleres na construción dunha familia, e na conquista do mercado de traballo, na loita pola súa liberdade de pensamento, de elección,...
O 8 de marzo
Este día específico adicado as mulleres débese a un tráxico feito que ocorreu en Estados Unidos, no ano 1857. O día 8 de marzo dese ano, as mulleres que traballaban na fábrica téxtil de Nova Iorque, decidiron parar de traballar como protesta ás súas precarias condicións de traballo. Esa foi a primeira vez que as mulleres uníanse para reivindicar melloras, e polo tanto, os seus dereitos. Elas pedían unha redución do horario de traballo diario que era de 16 horas, en 10 horas diarias. Ademais, por traballar esas horas, elas recibían apenas un tercio do soldo que recibían os homes.
Pero a rebelión foi contida de forma violenta, culminando coa morte de 129 traballadoras, carbonizadas dentro da mesma fábrica. Anos despois, no 1910, durante unha conferencia internacional das mulleres realizada en Dinamarca, xurdiu a idea de crear unha data específica para homenaxear as operarias mortas nesa fábrica téxtil. E así foi que en 1975, a Asemblea Xeral das Organizacións Unidas (ONU) decretou o 8 de marzo como Día Internacional da Muller.

5/3/11

Cen por cen Seoane

O pasado ano 2010 celebrábamos o centenario do nacemento de Luís Seoane. Con este motivo, a Fundación Caixa Galicia organiza unha exposición que percorre cen lugares da vida e a obra deste artista: Cen por cen Seoane. Cen anos cen lugares. O percorrido a través destes cen lugares conmemora os cen anos que cumpriría Seoane o pasado ano e tentan achegar ao espectador ao creador, á súa obra e ao contexto no que xurdiu. A mostra está composta de materiais moi diversos: pinturas, debuxos, gravados, carteis, libros, cartas, fotografías... e poderá visitarse en Lugo durante os meses de marzo, abril e maio.

3/3/11

O Ano Internacional da Química: imaxínate un día sen Química




A química é a nosa vida, o noso futuro.

E ao fío da importancia da química e o seu uso cotiá, o domingo 27 de febreiro, na sección de ciencia do programa A vivir que son dos días da Cadea Ser, falaron do presente que está a química na nosa vida diaria: o colchón de látex, o metacrilato do espertador, a auga da ducha, o dióxido de cloro e o ozono que se utiliza na súa potabilización, o xabón e o xel, as fibras sintéticas coas que está feita a nosa roupa...

Podedes escoitalo en:
 

Química del despertar

Interveñen: Manuel Lozano Leiva (físico), Mercedes Alonso Giner (química), e Alfredo Pérez Rubalcaba (químico e vicepresidente do goberno).

2/3/11

Finanzas para tod@s

O Ministerio de Educación, a Comisión Nacional do Mercado del Valores (CNMV) e o Banco de España, dentro do Plan de Educación Financeira, lanzaron  a web finanzas para todos con gran cantidade de recursos para calquera con inquietudes económicas, desde como chegar a fin de mes ata consellos para invertir.
Tamén podemos atopar na mesma o portal Gepeese.es, dirixido aos estudantes de secundaria e aos profesores, e ideado para incluír os conceptos básicos da Educación Financeira nesta etapa educativa. No Portal pódense atopar actividades, recursos, materiais, hemeroteca, humor, xogos, pasatempos, guías didácticas con material de referencia para traballar conceptos como o aforro, os medios de pago, o consumo intelixente…

Achégate á economía!