24/4/11

BASES DO CONCURSO "ADIVIÑA, ADIVIÑA...", 2011

Con motivo da celebración o día 12 de maio como Día escolar das Matemáticas o Departamento de Matemáticas e a Biblioteca do IES Xoán Montes convocan un concurso entre o alumnado do centro para resolver un boletín de adiviñas, de acordo as seguintes bases:
1-Os participantes deben ser alumnos de 1º ciclo de ESO do IES Xoán Montes no ano escolar 2010/2011.
2- Os participantes resolverán o maior número posible das adiviñas propostas.
3- O boletín de participación pódese solicitar aos profesores de matemáticas correspondentes, ou ben descargalo desta mesma anotación.
4- A solución das adiviñas introducirase nun sobre grande no que deberá figurar fóra o seudónimo do participante e o nome do concurso. Dentro deste sobre grande ademais introducirase outro sobre máis pequeno cos datos do participante (nome, apelidos, curso e grupo) e entregarase en secretaría.
5- O prazo de admisión pecharase o día 30 de maio de 2011.
6- O xurado estará composto polas profesoras Mª Dolores Cousido Piñeiro, Covadonga García-Losa Rodríguez e Mª Teresa Vázquez Cadavide. O fallo será inapelable e emitirase o día 10 de xuño. O xurado pode declarar o premio deserto.





PREMIO:

Xoán Montes... Sóache?

Do luns 25 ao venres 29, desenvolveranse os actos de homenaxe a Xoán Montes.

O luns, ás 19:30 no Museo inaugurarase unha pequena exposición dedicada a Xoán Montes. Nela vanse expoñer uns paneis informativos para acceder á información sobre o músico, e unhas vitrinas que conterán obras manuscritas súas, entre elas a Negra sombra. Tamén se exporán moitas outras obras,  obxectos e documentos de interese. Despois dunha breve presentación formal pasarase a escoitar o que promete ser un delicioso concerto, a cargo da soprano Carmen Subrido acompañada por Xoán Elías Castiñeira (brillante exalumno deste centro). Van interpretar as Baladas galegas de Xoán Montes, que tan poucas veces soan (Doce sono ou Lonxe da terriña)

Acompañando á exposición haberá todos os días concertos e conferencias de distinto tipo, onde se poderá escoitar moitísima música de Xoán Montes.
Á saída de cada concerto farase un modesto agasallo ao público. O último día repartirase o CD de Dous séculos de música lucense que por fin saíu á luz.

O programa de actos promete, e é unha gran oportunidade de achegarse a este gran músico, en cuxo honor leva o nome o noso instituto.
Xoán Montes... fai que che soe!

23/4/11

23 de abril...


-

Día do Científico Galego, 23 de abril

A Real Academia de Ciencias homenaxea este ano ao matemático e astrónomo Ramón Mª Aller (Lalín, 1878-1966). Estudou no seminario de Lugo e con vinte anos doutorouse en Teoloxía. Máis tarde faría a carreira de Ciencias Exactas na Universidade de Madrid.
Comenzou as súas primeiras observacións astronómicas na galería da súa casa. Desde 1939 é profesor na Universidade de Santiago de Compostela. En 1943 constrúese un observatorio na universidade ao que traslada os seus instrumentos de Lalín e en 1944 créase a Cátedra de Astronomía  para el.
 Ramón Mª Aller foi o precursor do estudo das estrelas dobres e múltiples, das que descubriu nove, e é a día de hoxe un referente internacional.
 O astrónomo ingles P. Wilkins, que foi quen confeccionou o primeiro mapa da Lúa, quixo inmortalizar a este matemático e astrónomo, bautizando co seu nome un dos cráteres da Lúa.

22/4/11

22 de abril, Día da Terra


Pódese vivir unha longa vida sen aprender nada.

Pódese durar sobre a terra sen agregar nin cambiar unha pincelada de paisaxe. Pódese simplemente non estar morto sen estar tampouco vivo.
Basta con non amar, nunca, a nada, a ninguén.
É a única receita infalible para non
sufrir.
Pero un día descubrín que aínda podía facer algo
para estar completamente viva antes de estar definitivamente morta.
Entón, púxenme en movemento.

----Hoxe celébrase en todo o mundo o Día da Terra. Desde 1970 estableceuse o 22 de abril co obxectivo de crear unha conciencia común fronte aos problemas de contaminación, a conservación da biodiversidade e demais temas relacionados coa protección do medio ambiente.

----Dous anos máis tarde celebrouse a Primeira Conferencia Internacional sobre o Medio Ambiente. Aproveitáronse tamén as celebracións para o lanzamento da película de Disney, 'Océanos', un documental sobre a vida nas profundidades do planeta.



----En tanto, a NASA (a Axencia Espacial Norteamericana) tamén presentou un especial fotográfico, ao cal é posible acceder facendo clic aquí.

----E nós... Que facemos hoxe pola Terra? A quen imos culpar despois? Onde imos ir cando non haxa onde ir?

----Imos, érguete, fai algo máis que ollar, aceptar e resignarte. O tempo de durmir pasou.


21/4/11

Día da creatividade

Todos posuímos un talento, todos temos a capacidade de ser creativos; e a maioría vivimos sen sabelo, convencidos moitas veces de que o creativo é aquel que sabe compor melodías, ou escribir unha poesía. Ken Robinson, experto en desenvolvemento da creatividade, e entrevistado no segundo destes vídeos, correspondente a un dos dous capítulos que o programa Redes dedica á creatividade, nos di "a creatividade apréndese igual que se aprende a ler" e "cando nos apaixona o que facemos e ademais temos a preparación adecuada para facelo ben, estamos no noso elemento, un estado marabilloso no que traballamos sen cansazo e con gran creatividade".
Así que a clave tamén está en querer aprender a ser creativos e saber que nos apaixona, ti xa o sabes?



17/4/11

BASES DO CONCURSO "ADIVIÑA QUEN SON", 2011


Con motivo da celebración o día 12 de maio como Día escolar das Matemáticas o Departamento de Matemáticas e  a Biblioteca do IES Xoán Montes convocan un concurso entre o alumnado do centro para resolver un boletín de adiviñas sobre matemáticos, dacordo coas seguintes bases:  
1-Os participantes deben ser alumnos de 2º ciclo de ESO ou BACHARELATO do IES Xoán Montes no ano escolar 2010/2011.
2- Os participantes resolverán o maior número posible das adiviñas propostas.
3- O boletín de participación pódese solicitar aos profesores de matemáticas correspondentes, ou ben descargalo desde este blog (nesta mesma anotación ou no menú lateral).
4- A solución das adiviñas introducirase nun sobre grande no que deberá figurar fóra o seudónimo do participante e o nome do concurso. Dentro deste sobre grande ademais introducirase outro sobre máis pequeno cos datos do participante (nome, apelidos, curso e grupo) e entregarase en secretaría.
5- O prazo de admisión pecharase o día 30 de maio de 2011.
6- O xurado estará composto polas profesoras Mª Dolores Cousido Piñeiro, Covadonga García-Losa Rodríguez e Mª Teresa Vázquez Cadavide. O fallo será inapelable e emitirase o día 10 de xuño. O xurado pode declarar o premio deserto.



PREMIO: