1/6/10

E no cotián... a poesía: Luís Seoane (1910-1979)


Tal día coma hoxe, hai cen anos, nacía en Buenos Aires Luís Seoane López. Fillo de emigrantes, retornou axiña a Galiza. Quizá máis coñecido pola súa obra plástica, non podemos deixar pasar o día sen unha mención á súa obra poética:

O ENTERRO DO MENDIGO
De noite e nun descampado enderredor da cova
axúntanse o lixados farrapentos mendigos
de nodosos báculos, mans sermentosas,
que facendo coro de plantos
no adro da eirexa de Santa María Salomé, pregan
polas suas desdentadas bocas de gárgolas,
en antergas verbas, tristeiras e doridas:
–¡Unha caridade pola lei dos Santos!
–¡Por tódalas santas virxens do ceo!
–¡Polas benditas almas do purgatorio, Señor!
–¡Tiven honores e fiquei moinante!
–¡Deus vos libre, miña dona, de tódalas lepras!
–¡Polo noso mal siso, señor, caímos na probeza!

Dende que se lles encurtaron os pasos polos anos
acrecentóuselles o mundo.
Sofren malos espantos, fames, coitas e fríos.
Sobor do cadavre do medicante mais vello
envolto no seu escuro sueiro de farrapos
abáixanse e chórano con bágoas verdadeiras:
O eivado que goza aiuntándose coa cega desvergoñada.
A cega desvergoñada.
O enano que lle fai cóchegas á vella piollosa.
A vella piollosa.
O toco que deixou preñada á moza tolleita.
A moza tolleita.
O ex-sacristán que roubaba o olio e a cera de sua eirexa,
e a vella que conxura á serpe no ceo.

Todos deixan caer sobor das longas barbas brancas
do mendigo morto,
nos seus pretos farrapos,
unhas froles silvestres
e a terra que bican coa sua boca sin dentes.
O que agora é o mais vello de todos
guinda sobor do morto,
en nome dos mendigos de Santa María Salomé,
unha extranxeira i extraña moeda de prata
coma unha esmola que enterrasen pra sempre.

1 comentario:

María dijo...

Moitas grazas por achegarnos tan bonita poesía.