14/6/10

14 DE XUÑO, DÍA MUNDIAL DO DOANTE DE SANGUE


A OMS elixiu o 14 de xuño como o día dedicado a recoñecer aos millóns de persoas que, ao doar sangue, salvan vidas e melloran a saúde do próximo. Este día pon de relevo a importancia de doar sangue periodicamente para previr a escaseza en hospitais e clínicas, sobre todo nos países en desenvolvemento, onde as reservas son escasas ou practicamente inexistentes. Dos 80 países do mundo con baixo índice de doazóns de sangue (menos de 10 doazóns por cada 1000 persoas), 79 son países en desenvolvemento.

Este evento anual, que ten como principal obxectivo motivar a máis persoas a que se fagan doantes, está dedicado a demostrar que os sistemas e as políticas de saúde son eficaces para facer que as transfusións sanguíneas resulten seguras e accesibles á xente de todo o mundo. O día Mundial do Doante de Sangue 2010, centrado nos doantes máis novos, ten por lema: "Sangue novo para o mundo". Os mozos e mozas poden contribuir notablemente á causa, tanto doando sangue como convencendo a outros mozos a facerse doantes. En 2010, o acto de dimensións mundiais terá lugar en Barcelona, e exercerán de anfitrionas as autoridades sanitarias dos gobernos español e catalán, as asociacións de doantes españolas e cataláns, e a Cruz Vermella Española.




No hay comentarios: