29/10/09

¡Por Tutatis! É o noso 50 aniversario



Asterix, o pequeno guerreiro galo que seduciu xa a varias xeracións de lectores, celebra o seu 50º aniversario hoxe 29 de outubro. Todo empezou en agosto de 1959 nun edificio de Bobigny, suburbio do leste de París, onde René Goscinny e Albert Uderzo se devanaban os miolos intentando idear novos personaxes para unha revista de cómics que ía ser lanzada en outubro. A idea xurdiu finalmente: dous galos, un baixiño e outro gordo. En dúas horas, Uderzo esbozou as súas imaxes, así como as dos outros principais heroes da tira: o xefe da aldea, o druída, o bardo. E, dous meses despois, Asterix e Obelix aparecían por vez primeira no número un da revista Pilote. Dous anos despois, o primeiro álbum foi publicado cunha tirada de 6.000 exemplares. O éxito foi inmediato. Asterix e os seus galos pasaron a formar parte da vida dos franceses. En setembro de 1966, o semanario L'Express daba conta no seu título do "fenómeno Asterix". Goscinny, dunha familia xudía de orixe polaca, e Uderzo, fillo de emigrantes italianos, crearon unha mitoloxía francesa. Na Francia dos anos 1960, Asterix converteuse nun símbolo do orgullo recuperado, do pequeno que rehúsa someterse e resiste ao poder dos maiores. O máis sorprendente foi que a historia tivo un éxito similar no estranxeiro, en 50 anos vendéronse no mundo máis de 325 millóns de exemplares das aventuras de Asterix, e a serie traduciuse a 107 idiomas.

Nós, dende este curruncho que é a biblioteca felicitamos a Asterix e a súa banda de simpáticos galos que tantos bos ratos nos fixeron e nos fan pasar, sempre irredutibles e quizais inmortais.

Xa podes pedir prestado o álbum conmemorativo do 50 aniversario!

No hay comentarios: