Hoxe, 18 de marzo, cúmprense nove meses da morte de José Saramago. Nove meses que é o que se tarda en morrer, segundo deixou escrito o autor en O ano da morte de Ricardo Reis, porque nove meses é o que, polo xeral, se tarda en nacer. Por iso, a Fundación Saramago decidiu despedir ao escritor abrindo a súa casa e a súa biblioteca da illa de Lanzarote, para que os seus amigos, os seus lectores e as persoas que necesiten ver como, onde e de que xeito traballaba e vivía o escritor, poidan percorrer o conxunto que habitou a maior parte dos seus últimos anos de vida e onde escribiu os seus libros.
A partir do día 21, desde as 10 da mañá ata as 14 da tarde poderase visitar a casa e a biblioteca en grupos reducidos de non máis de 15 persoas. A Casa estará aberta ao público de luns a sábado, incluídos estes, e o percorrido realizarase cada media hora con dous guías. Os visitantes recibirán un folleto explicativo da casa e dos lugares que Saramago máis habitaba. Ao pasar pola cociña, servirase un café portugués. Ao final do percorrido haberá unha tenda con libros de José Saramago en todos os idiomas, así como discos, filmes, cadernos, postais e outras formas de achegamento ao escritor.
Para os que admiramos ao escritor, Saramago nunca morrerá, quedan os seus libros, fiel testemuña de que pervive, como todo o que segue a existir na memoria.
No hay comentarios:
Publicar un comentario