A antiga festividade céltica do Samhaín foi habitualmente descrita como unha comuñón cos espíritos dos defuntos que, especialmente nas datas do 31 de outubro e o 1 de novembro, terían autorización para camiñar entre os vivos. Abríanse as portas entre este mundo e o máis alá, dándolle á xente a posibilidade de reunirse cos seus antepasados mortos.
A festa do Samhaín, a máis importante do período precristián, marcaba para os celtas o comezo dun novo ano.
Polo Samhaín era costume baleirar nabos de gran tamaño, posteriormente cabazas, para poñerlles dentro velas. Varios séculos despois esta tradición, que se mantén aínda nalgúns lugares de Galiza, como é o caso de Cedeira, ten continuidade nas festas de Halloween, unha adaptación do Samhaín á cultura estadounidense e que é semellante ao entroido. A celebración foi levada aos Estados Unidos de América polos irlandeses no século XIX e comezos do século XX.
E o Halloween, que é o Halloween?
Halloween ou noite de bruxas é unha festa que se celebra principalmente en Estados Unidos na noite do 31 de outubro. Ten as súas orixes na festividade celta do Samhaín e da festividade cristiá do Día de Tódolos Santos. Celébrase nos paises anglosaxóns, principalmente en Canadá, Estados Unidos, Irlanda e Reino Unido. A forza expansiva da cultura de EE.UU fixo que Halloween se popularizara tamén entre outros paises occidentais.
Este día asóciase a miúdo coas cores laranxa e negro e atópase fortemente ligado a símbolos como a Jack-o'-lantern. As actividades típicas de Halloween son o famoso "truco ou trato", as festas de disfraces, as fogueiras, a visita a casas enfeitizadas, as bromas, a lectura de historias de medo e o visionado de películas de terror.
No hay comentarios:
Publicar un comentario