4/6/09

5 de xuño, Día do Medio Ambiente


Nun recente informe acerca do compromiso dos españois co medio ambiente saliéntase que a maioría da poboación mantén unha actitude positiva cara á conservación do medio natural, mais so un de cada dez ten un comportamento axeitado. Incluso a maioría practica hábitos agresivos co medio ambiente. Unha porcentaxe moi elevada afirma estar pouco ou nada informada acerca dos problemas medioambientais (contaminación, cambio climático, aumento dos residuos urbanos e os seus tratamentos, perda da biodiversidade, desertificación, diminución dos recursos hídricos, pesqueiros, minerais, enerxéticos…).
Aínda que os españois recoñecen a necesidade de actuacións protectoras, non están dispostos a renunciar a acadar maiores niveis de consumo e ademais centran as responsabilidades nos poderes públicos.
Polo que se refire a Galicia, esta Comunidade necesitaría seis veces o seu territorio para soportar a "pegada ecolóxica" que na actualidade orixina, entendendo por "pegada ecolóxica" a área do territorio produtivo ou ecosistema acuático necesaria para producir os recursos utilizados e para asimilar os residuos e a contaminación dunha poboación. Este termo débese comparar co de "capacidade de carga", que se define como a capacidade que presenta un ecosistema para sustentar e, ao mesmo tempo, manter a produtividade e a renovabilidade dos recursos.
A relación entre os dous termos revela que Galicia presenta un déficit ecolóxico elevado, o que significa que necesitamos máis terreo do que temos. Dispoñemos de, aproximadamente, 3 millóns de hectáreas de terreo e demandamos máis de 17 hectáreas para satisfacer as nosas necesidades. Estes datos fannos recapacitar e recoñecer a importancia de buscar alternativas ao consumo irracional e desproporcionado que temos, a informarnos acerca dos problemas ambientais e a seguir hábitos de vida máis respectuosos co medio a fin de conquerir un desenvolvemento sustentable, para nós e para as xeracións futuras.

Pensa cal será o teu graniño de area que faga a montaña e... ACTÚA!

Para obter máis información e recursos podes premer AQUÍ
Carmen Tizón


No hay comentarios: