16/11/10

"Leonardo da Vinci e a Música" en Lugo

A cidade de Lugo acolle por primeira vez en Galicia a mostra internacional Leonardo da Vinci e a Música, unha exposición na que se recolle a relación do xenio italiano coa música tras un pioneiro e profundo traballo de investigación sobre os seus manuscritos. Da man desta exitosa proposta cultural, o Centro de Artesanía e Deseño celebra o seu décimo quinto aniversario.
A exposición componse de dous manuscritos correspondentes ao período de madurez do artista -finais do século XV e principios do XVI-, que recollen debuxos, bosquexos, notas e unha lista de 116 libros que formaban parte dos fondos da súa biblioteca.

Para chegar ao resultado final do material que agora se exhibe, expertos de todo o mundo tiveron que estudar, previamente, este traballo durante anos. O resultado, é unha exposición que mostra a dimensión creativa de Leonardo e a súa relación coa música dunha forma científica e lúdica, así como vinte instrumentos realizados de acordo cos seus manuscritos.

A exposición situarase na Capela de Santa María e no Centro de Artesanía, de luns a venres de 10.30 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00, os sábados so pola tarde e os domingos e festivos de 11.00 a 14.00. Poderase visitar ata o 31 de xaneiro.

No hay comentarios: