29/9/09

E no cotián... a poesía: Xavier Seoane


Esquecida xa, quizá, a rutina do verán e inmersos nesa outra rutina cotiá, non está mal que comecemos de novo a nosa serie de anotacións dedicadas á presentación da poesía. Hoxe presentamos neste blog a Xavier Seoane, poeta galego contemporáneo.
Nos parágrafos cos que comeza a súa obra presente continuo (a luz de outro horizonte) afirma: "sempre gustei das formas curtas. Da reflexión, do dietario, do aforismo." A forma perfecta para a nosa presentación da poesía. Na obra citada podemos ler por exemplo:


A creación é tan fundamental como a leña e o pan.
A creación é un vento impregnado de sentido moral.
É forza tranquila e furacán desatado.
Luva ardendo na man.
Mirada no centro da cara.
Encarnadura no soño da carne.
A creación é o soño desperto do real, a vertixe luminosa que atrapa a libélula do instante.
A creación é o que non ensinan as escolas, nin os mestres, nin os pais; nin sequera os Avós nos seus relatos.
Creación é sachar.
A creación é a consciencia de saberse apto para o soño, propicio para a viaxe, cheo de indicios, de acontecementos, de morada.
A creación é instante interminábel.
Itsmo que canta.


No hay comentarios: