2/6/11

Leonard CohenPríncipe de Asturias das Letras


----Agora podía cantar, e cantou. Dixo as cousas que di quen viviu e pregúntase canto e para que; quen amou e pregúntase a quen e por que, e, tendo feito as preguntas todas atópase sen resposta, unha soa que fose. É o contrario daquel que afirmou un día que as respostas están todas por aí e que nós non temos máis que aprender a facer as preguntas.

----Con esa voz grave, que parece xurdir do fondo
dunha caverna, a sensibilidade foi sempre o motor da súa obra, e o trazo fascinante do seu cancioneiro. Como un cabaleiro da triste figura, co seu chapeu e a súa fraqueza estilística, Cohen achegou “sex-appeal” á nobre arte de compor cancións e cantalas. Desde os seus comezos mostrou un asombroso talento e arroxo para cruzar música e literatura, unha envexable capacidade para crear poemas musicados ou cancións con certeza poética.


----Os seus seguidores acoden a el para curar as feridas ou ter un fogar entre as ruínas da vida. Como o fareiro na noite escura, Cohen, íntimo e humano, alumea o camiño para os sinuosos trazos sentimentais da alma.

----Os premios Príncipe de Asturias volven recoñecer o valor da composición musical. Alí onde non soa a música monótona do anticantante Leonard Cohen. Alí onde as súas letras son literatura. Antes foi Dylan. Hoxe é Cohen. Gaña a música. Gañamos todos. Parabéns ao gardián Cohen.

----Suzanne, de 1968, é o éxito indiscutible de Cohen e a primeira canción do seu primeiro álbum “Songs of Leonard Cohen”. Enchida de profundidade literaria, con ela Cohen chegaba á música tras publicar novela e poesía. Suzanne vive xunto ao río...


2 comentarios:

Seamus dijo...

se hai algo que completa formalmente a poesía e contribúe á expresión do seu significado é unha música axeitada. Neste caso, como noutros, non moitos, o resultado é a perfección do humano

Buguina dijo...

Grazas por achegarnos a este poeta dunha maneira tan bonita