2011 foi declarado Ano Internacional dos Bosques pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas (ONU) ao recoñecer que estes ecosistemas e a súa ordenación sostible contribúen significativamente ao desenvolvemento, á erradicación da pobreza e ao logro dos obxectivos de desenvolvemento do Milenio.
Nun mundo ocupado por sete mil millóns de persoas, os bosques, que representan máis do 30 por cento do territorio e conteñen o 80 por cento da biodiversidade do planeta, perden anualmente trece millóns de hectáreas, unha superficie equivalente á cuarta parte da península ibérica.
As causas que sinalan os expertos son todas provocadas polos seres humanos: sobreexplotación e talla ilegal, a conversión a terras agrícolas e gandeiras, recolección insostible de madeira, xestión inadecuada da terra, creación de asentamentos humanos, explotacións mineiras e petrolíferas ou a construción de encoros e estradas, entre outras.
Por iso, o lema elixido para a campaña é "Os bosques, para as persoas", co obxectivo de resaltar o papel fundamental dos seres humanos na protección dos bosques, fogar de 300 millóns de persoas no mundo, especialmente pobos indíxenas que están tamén ameazados.
Podemos contribuír a recuperar a masa de bosques do planeta de diversos xeitos. A máis activa é plantar unha árbore coas nosas propias mans. Outra opción é axudar ás asociacións ecoloxistas ou que traballan coas árbores e presionar ás institucións para que emprendan medidas que defendan os bosques, como a creación de espazos protexidos e corredores entre estas áreas, o apoio a prácticas eficientes e a unha xestión forestal sostible ou a repoboación con especies autóctonas das zonas deforestadas.
E podemos asumir hábitos de consumo que eviten a utilización insostible dos bosques aplicando as tres erres (reducir, reutilizar e reciclar) nos produtos procedentes da madeira e outros involucrados na deforestación, como os combustibles ou os produtos agrogandeiros. Tamén é posible consumir produtos con etiquetas ecolóxicas (no caso da madeira, o selo FSC) ou realizar actividades de ecoturismo.
Porque... os bosques son para as persoas!
Porque... os bosques son para as persoas!
No hay comentarios:
Publicar un comentario