5/6/10

5 DE XUÑO, DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE


A O.N.U. estableceu en 1972 o 5 de xuño como Día Mundial do Medio Ambiente para fomentar o coidado da Natureza. A día de hoxe, en 2010 semella que non hai moito que celebrar. Miles de litros de petróleo estanse a verter no golfo de México, as emisións de CO2 seguen sen estar controladas como se puxo de manifesto no último Cumio do Clima que tivo lugar en Copenhague no mes de decembro, os incendios forestais devastan grandes superficies todos os anos, e a sobreexplotación dos recursos naturais xunto co gran consumo de auga e recursos enerxéticos, están deixando o planeta sen reservas. Non obstante, as principais organizacións ecoloxistas en España cren que é posible compatibilizar as actividades humanas coa protección da natureza. Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace e outros fixeron un vídeo no que así no lo recordan.


4/6/10

Excursión de fin de curso Italia 2010

Parece que xa pasou moito tempo, pero foi tan importante para nós, que non parece normal que non lle dediquemos unhas liñas a ela.
Na pasada Semana Santa, antes de rematar as clases, os alumnos de 4º da ESO, e algúns de 1º de Bacharelato, fomos de excursión a Italia. Entre os días 19 e 27 de marzo. Fomos en autobús e voltamos en avión. Acompañáronnos as profesoras de música e Educación Física, Mila e Ángela.
Saímos ás 6:30 do día 19 de marzo dende o fogar de Santa María. Tras unha longa viaxe na que case todos durmimos, chegamos a Zaragoza, onde comemos e visitamos o Pilar. Tras unha pausa, retomamos a viaxe. Chegamos a Barcelona, onde paramos a durmir no primeiro hotel da nosa viaxe. Pola noite, achegámonos ata a praia.
ZARAGOZA
Ao día seguinte, partimos cara Avignon, onde paramos a ver "le Palais des Papes", entre outras cousas, aparte de comer. Esa noite, fomos a Niza, onde o hotel nos proporcionou moitas anécdotas (o chan desfondábase, pelos nas almofadas, olor a fritanga por todo o hotel, escapes de gas, camas rotas, ascensor fóra de servicio, unha escaleira que non sabemos como aguantou o noso paso e un longo etcétera), chamábano o "Hotel dos Horrores".
AVIGNON
Cando saímos de alí, dirixímonos cara Milán. Pasamos xunto a Mónaco, e cando chegamos, tivemos toda a mañá para ver a cidade e as súas maravillas, como a impresionante catedral (Il Duomo di Milano) ou as galerías Vittorio Emanuele II. Esa tarde visitamos tamén Verona, a cidade na que transcorre Romeo e Xulieta, a obra mestra de Shakespeare.
MILÁN
Á noite, chegamos ao Hotel Jalisco, preto de Venecia (65 km). Pola mañá, almorzamos e fomos coller o vaporeto para chegar á cidade de Venecia, onde posteriormente visitamos a basílica de San Marco, as numerosas prazas, as pontes, paseamos en góndola,... Ás oito volvemos cara o hotel, onde ceamos e fomos dar un paseo pola praia.
VENECIA
Ao seguinte día, fomos a Asís. Cando chegamos, visitamos xunto coas profes, a basílica, e despois, o resto do día, vimos cada un o que quixemos. Tras unha pequeno problema co conductor do bus, puidemos chegar pola noite a Roma.
SAN FRANCISCO DE ASÍS
O primero día en Roma visitamos os museos Vaticanos, a plaza de San Pedro,... Tivemos unha visita guiada polo Vaticano e unha visita paranorámica por Roma. Despois tivemos toda a tarde libre. E o último día foi todo libre para poder visitar a famosa e maravillosa cidade Romana.
ROMA
O último día collemos o avión no aeroporto romano "Fiumicino", que nos trouxo ata Madrid, onde tivemos que esperar case 6 horas. Collemos o noso avión cara Santiago de Compostela e despois en Santiago collemos o bus que nos traía cara Lugo, onde nos esperaban os nosos familiares e Chelo.
AGRADECEMENTOS:
Agradezo a Mª Carmen Tizón a magnífica organización na que empleou tantísimo tempo, a Ángela e a Mila por aturarnos tan ben durante toda a viaxe e por facernos vivir uns momentos irrepetibles e moi divertidos, tamén quero agradecerlle a Senén a maravillosa guía que fixo que nos foi moi útil e por último agradecerlle a Andrés a súa axuda na elaboración deste post.


2/6/10

Recollida do primeiro premio ao Mellor Spot de Publicíta-t






O venres 28 fomos a Vigo a recoller o primeiro premio ao Mellor Spot de Publicíta-t, do que xa informamos recentemente neste blog. O programa foi intenso. Pola mañá, xornada de portas abertas na Escuela de Negocios de Caixanova: visitamos as instalacións, faláronnos dos estudos que alí ofertan e fixemos unha dinámica de grupos moi interesante. Tíñannos envasada a comida para poder xantar na praia de Samil, o tempo acompañaba e algunhas aproveitaron para pegarse un baño no mar. Á volta, paseamos polo porto e puidemos disfrutar do casco vello da cidade. Ás sete era a entrega de premios, moi emocionante... e que ricos os pinchos de despois! Podedes ver nas fotos o contentos que viñemos (si, da praia non teño imaxes... que pensabades?)

Felicidades de novo a tod@s, a ver se o próximo ano repetimos a experiencia.

1/6/10

E no cotián... a poesía: Luís Seoane (1910-1979)


Tal día coma hoxe, hai cen anos, nacía en Buenos Aires Luís Seoane López. Fillo de emigrantes, retornou axiña a Galiza. Quizá máis coñecido pola súa obra plástica, non podemos deixar pasar o día sen unha mención á súa obra poética:

O ENTERRO DO MENDIGO
De noite e nun descampado enderredor da cova
axúntanse o lixados farrapentos mendigos
de nodosos báculos, mans sermentosas,
que facendo coro de plantos
no adro da eirexa de Santa María Salomé, pregan
polas suas desdentadas bocas de gárgolas,
en antergas verbas, tristeiras e doridas:
–¡Unha caridade pola lei dos Santos!
–¡Por tódalas santas virxens do ceo!
–¡Polas benditas almas do purgatorio, Señor!
–¡Tiven honores e fiquei moinante!
–¡Deus vos libre, miña dona, de tódalas lepras!
–¡Polo noso mal siso, señor, caímos na probeza!

Dende que se lles encurtaron os pasos polos anos
acrecentóuselles o mundo.
Sofren malos espantos, fames, coitas e fríos.
Sobor do cadavre do medicante mais vello
envolto no seu escuro sueiro de farrapos
abáixanse e chórano con bágoas verdadeiras:
O eivado que goza aiuntándose coa cega desvergoñada.
A cega desvergoñada.
O enano que lle fai cóchegas á vella piollosa.
A vella piollosa.
O toco que deixou preñada á moza tolleita.
A moza tolleita.
O ex-sacristán que roubaba o olio e a cera de sua eirexa,
e a vella que conxura á serpe no ceo.

Todos deixan caer sobor das longas barbas brancas
do mendigo morto,
nos seus pretos farrapos,
unhas froles silvestres
e a terra que bican coa sua boca sin dentes.
O que agora é o mais vello de todos
guinda sobor do morto,
en nome dos mendigos de Santa María Salomé,
unha extranxeira i extraña moeda de prata
coma unha esmola que enterrasen pra sempre.

31/5/10

Gañadores concursos "adiviñas"






Despois do reconto de acertos, e case nengún erro, o xurado otorga os premios nos concursos convocados con motivo do Día Escolar das Matemáticas, e que son para:

Concurso "ADIVIÑA QUEN SON":
1º Premio: Marta Salgado Castelo
Finalistas: Marta González Gegúndez
Alba Mourelos Pernas
Christian Toimil Arango


Concurso "ADIVIÑA, ADIVIÑA":
1º Premio: Claudia García González
Finalistas: Inés Maghalhaes Pereira
Laura Pérez Valiña
Alba Mª Pereira




O xurado agradece aos participantes o entusiasmo na pescuda das solucións e anima a todo o alumnado a seguir participando. Felicitacións para todos.
Os premios entregaránse próximamente




30/5/10

MELLOR BLOG DO ANO


Os alumnos do Obradoiro de Iniciativas Emprendedoras (3ºde ESO) e a súa profesora Beatriz son os gañadores do premio ao mellor blog do ano no concurso que organiza o xornal "La Voz de Galicia", dentro do seu programa prensa-escuela. O día 5 de xuño, acudirán todos á Coruña para recoller o premio.
Parabéns para todos e ánimo para seguir con estas iniciativas.

25/5/10

Vas quedar sin ela?



Este curso acadamos xa o número 18 da nosa revista, podemos dicir que é realmente especial, ten artigos moi interesantes de variados temas, desde actividades no centro, visitas didácticas, entrevistas, experiencias enriquecedoras... ata preciosas historias, poemas ou pasatempos. Interviron gran número de colaboradores (de feito bateu o record de persoas implicadas) que con gran ilusión levan todo o curso traballando e esforzándose por presentar temas actuais, de aquí e de acolá, buscando protagonistas que conten algún pequeno retrinco das súas vivencias ou mergullándose en todo tipo de experiencias persoais. A tod@s eles grazas e noraboa polo que nos transmiten e aportan a través deste novo número da revista.
O resto, o que podemos facer e aproveitar e... mercala!

24/5/10

Concurso Literario en inglés: Entrega de premios

Hoxe ás 11:45, tivo lugar un importante acto na biblioteca do centro: a entrega de premios do Concurso Literario que por segundo ano consecutivo organiza o Departamento de Inglés. A actividade quere fomentar tanto a lectura como a creatividade do alumnado, ao tempo que fomenta a autoestima. Os membros do departamento agradeceron a alta participación do alumnado de ESO e fixeron entrega dos diplomas acretitativos e premios, consistentes principalmente en libros donados por diversas editoriais. Non nos queda máis que felicitar a Belén Mª Encabo González, María Losada Burgo, Beatriz Álvarez Díaz, Noemí García Rodríguez, Marta Salgado Castelo, Omar Díaz Rodríguez e Rubén Babío Barreiro, os autores premiados, e animar a todo o alumnado a participar nestas iniciativas. Os traballos premiados serán publicados próximamente no blog de inglés do instituto.




17/5/10

CAMIÑO DE SANTIAGO!



O camiño de Santiago é o percorrido que realizan os peregrinos que van cara Santiago de Compostela para facerlle unha visita á tumba do Apóstolo Santiago. A partir do século IX, comezouse a considerar como unha das rutas de peregrinación máis importantes de Europa.


Alumn@s atrevid@s do noso instituto (Andrés Armesto, Marta Salgado, Ángela Beltrán, Marco Gugliandolo, Diego Graña, Jonatan Lopes e David Graña) puxémonos un reto coa axuda do noso profesor Gerardo. O reto consistía en facer o Camiño de Santiago dende Lugo en tres días. O primero día saímos de Lugo ás 8.45, dirección Melide (57km). Fixemos unha pequena parada ao mediodía para xantar e continuamos cara o noso destino, ao que chegamos ás 20.00. A segunda etapa consistía en facer Melide-Arca (casi 40km). Despois dunhas paradas que tivemos que facer para xantar, etc., conseguimos chegar. E a última etapa da viaxe foi Arca-Santiago de Compostela (20km).

RETO CONSEGUIDO!!

Moitas grazas Gerardo.


Uxío Novoneyra (1930-1999)

Por que non tomarse hoxe uns minutos para escoitar a Novoneyra na voz de Emilio Cao?





... ou ler unha breve selección dos seus poemas (que agradecemos a O Segrel do Penedo) que nos anime a seguir lendo a súa obra.

Mais para quen non queira ler máis, deixamos só uns versos escritos en 1957:

GALICIA, será a miña xeneración quen te salve?

Irei un día do Courel a Compostela por terras libradas?

Non a forza do noso amor non pode ser inutle!


Día das Letras Galegas





Este ano, para rematar as celebracións do Día das Letras Galegas, organizouse un conxunto de actuacions excepcionais que comprendían desde recitais poéticos a interpretacións musicais. Tamén se entregaron os premios do Certame de Narrativa e Poesía. Disfrutamos tod@s moitísimo. Moitas grazas aos organizadores e aos participantes.

17 de maio, Día de Internet



Internet apórtanos moitas posibilidades increíbles e positivas, pero non esquezamos os perigos do seu mal uso.

15/5/10

Fotos da exposición Historia do Libro






Unha vez rematada a exposición, aquí temos as fotos do que foi. Queremos dar as grazas a Enrique, Manuel Rodríguez, Mª Luisa, Rosa, Paz, Aurora, Carmen, Cordo e tamén aos nosos amigos e compañeiros noutros institutos, Begoña e Víctor, por prestarnos eses libros que moitas veces forman parte das nosas historias familiares, da nosa vida persoal, ou foron un feliz encontro nunha feira do libro. Vaia tamén o noso agradecemento a "La Voz de la Verdad" polo material de imprenta que tan desinteresadamente nos deixou.

12/5/10

12 de maio, Día escolar das matemáticas



Nota de prensa da Federación Española de Sociedades de Profesores de Matemáticas:



O día 12 de maio celébrase o Día escolar das matemáticas. A data coincide coa do nacementeo do matemático Pedro Puig Adam (12-5-1900). Con el iníciase, en boa parte, a renovación da ensinanza das matemáticas na década dos anos cincuenta do pasado século.

O tema deste ano é "Prensa e matemáTICas". Proponse explorar a relación entre a prensa impresa e dixital e as matemáticas. Estas relacións maniféstanse en táboas, gráficos e datos numéricos de varios tipos. Pero o uso das matemáticas esténdese en moitas ocasións á necesaria análise e reflexión á que debemos someter a información que recibimos. Finalmente, quérese enfatizar a presenza das Tecnoloxías da información e da comunicación, cada vez máis importantes tanto na clase de matemáticas como na prensa.


Para saber máis do tema: Conferencia que tivo lugar na Universidad Complutense de Madrid.

10/5/10

Actividades literarias

Hoxe 10 de maio, comezouse a festexar o Día das letras galegas, puidemos disfrutar de dous escritores ao longo da mañá que compartiron a súa paixón connosco.
Ás 10 da mañá, veu Francisco Castro Veloso, autor de Chamádeme Simbad. Á súa charla acudiron os alumnos de 1º de ESO.
Ás 12 da mañá, Darío Xoán Cabana explicou ao alumnado de 1º de bacharelato a súa visión da figura de Uxío Novoneira, un dos mellores autores galegos, e segundo Darío, un escritor civil, do pobo.







8/5/10

9 de maio, Día de Europa: 60 anos de paz



Este vídeo, producido pola Comisión Europea, é unha homenaxe á declaración Schumann, discurso pronunciado o 9 de maio de 1950, hai 60 anos, nel, aínda recente a Segunda Guerra Mundial, invitaba a Francia, Alemaña e outros países europeos a mancomunar a súa produción de carbón e aceiro e, deste xeito, propuña asentar unha paz duradeira no territorio europeo e dar un primeiro paso cara a unha unificación económica. Hoxe a súa declaración considérase a partida de nacemento da Unión Europea e, desde 1985, o 9 de maio celébrase o Día de Europa.

En Lugo, os actos de conmemoración son o domingo día 9 na Praza Maior:

10:30 - 14:00: Talleres e xogos sobre a Unión Europea, dirixidos por animadores. Caseta informativa sobre a Unión Europea e reparto de merchandising e material informativo.
12 horas: Acto institucional polo Día de Europa, con discurso do Alcalde de Lugo e participación da Corporación municipal.

Hai concursos, xogos, documentación, información interesante, blogs... no Portal da Unión Europea.

5/5/10

Programa "Preto de ti!!"


Hoxe están programadas dúas actividades moi interesantes:

*Centro de Convivencia Maruja Mallo - Sala de Lectura 19:00 horas

FAMILIAS: OS CONTOS QUE NOS CONTARON "Visualización dos estereotipos de xénero nos contos infantís". Mari Teijeiro González, Traballadora Social da Casa da Muller.

*Centro de Convivencia Maruja Mallo - Sala de Lectura 19:00 horas

INFANCIA / CÓNTAME UNHA CONTA "Contacontos para medrar en igualdade"
Actividade de contos para medrar en igualdade na que se traballará sobre o libro Aitor tiene dos mamás. Nelson Rodríguez Avilez.

Ambas actividades contan cun aforo limitado de 15 prazas polo que os interesados deben reservar a súa entrada chamando ao 982 297 412.

Pertencen a segunda parte do programa PRETO DE TI

4/5/10

Actividades en prol do Comercio Xusto

Hoxe martes ás 19.30h no local de “A Cova da Terra” :
presentación da campaña “Mobilízate pola selva” e cinefórum co documental “Sangre en nuestros móviles”

Mércores 5 ás 20:30h: “Taller de Solidariedade” e presentación do vídeo “Comercio Xusto, máis que solidariedade”

Xoves 6 ás 19.00h no local de “A Cova da Terra”: charla-obradoiro sobre inmigración"A construcción do inimigo interno” co grupo Cambalache de Oviedo

Sábado 8 a partires das 11.00h na praza do Concello de Lugo:
Postos de Comercio Xusto
Degustación de productos de CX
Concurso de debuxos
Obradoiros para nenos e nenas
Xincana de talleres ás 12.30 e 18.30h
Funcións de teatro (obra de teatro do comercio xusto) ás 12, 13.30 e 18h

Concurso de vídeos "Mobilízate pola Lingua"

Concocatoria Mobilizate Pola Lingua 2010

Anímate a participar! le as bases e pide axuda aos profesores cando o precises.

3/5/10

3 de maio, o noso primeiro aniversario



Hoxe hai un ano que este blog botou a andar. Felizmente, nestas datas estanse a realizar moitas actividades organizadas desde a biblioteca: exposición da historia do libro e da escritura, club de lectura, concursos de matemáticas, relatos e poesía, mellora do punto de lectura...

Ás veces pensamos que cando decidimos poñer en marcha o blog non sabiamos onde nos metiamos... ou si. Desde logo é un traballo ao que lle hai que botar moitas ganas, tempo, continuidade, paciencia... e que sempre é mellorable: aínda hai moito que aprender. Afortunadamente, houbo xente que, coma nós, viu nel un gran potencial e se entusiasmou aportando moitas ideas e, como non, traballo.

Non sabemos como agradecérllelo a tod@s. Aos que día a día, ou de cando en vez, veñen poñer o seu graniño de area, que en moitas ocasións aderezan con sorrisos, palabras alentadoras sobre o traballo da biblioteca... a todos eles grazas inmensas.



25/4/10

VISITA Á EXPOSICIÓN "ORIXES"



Os alumnos de PDC de 3º de ESO visitamos o mércores 21 de abril a exposición "As orixes do home" na que se mostran os fitos máis importantes da evolución humana: o bipedismo, as ferramentas, o lume, a autoconciencia e o símbolo como principio do coñecemento abstracto.

ENCONTRO EN SAN PAIO DE NARLA


O club de lectura celebrou na Fortaleza de San Paio de Narla, o mércores 21 de abril, un encontro cos autores das obras que acabamos de ler: Xabier P. Docampo (Cando petan na porta pola noite) e Xosé Miranda (Pel de lobo). Unha tarde na que compartimos contos e anécdotas e na que soubemos da orixe e proceso de creación das súas obras. Moitas grazas aos dous escritores por compartir con nos as súas historias.

23/4/10

Número extra do boletín: Día do libro

Con motivo do día do libro, a biblioteca publica un número extra do seu boletín con unha interesante entrevista a Johannes Gutenberg e algunhas curiosidades sobre o libro. A entrevista que publicamos está traducida e adaptada da páxina Artes del libro.


22/4/10

23 de abril, Día do Libro

Acabamos de inaugurar a exposición sobre a Historia do Libro. Estades todos invitados a visitala do 23 de abril ao 7 de maio. Nela presentamos unha breve historia do libro e da escritura de forma cronolóxica.
Tamén podedes ver algúns exemplares de libros antigos, contos infantís, libros curiosos así como materiais para a impresión.
Esperamos que sexa do voso agrado.
Todo isto que podedes ver é froito do traballo e a xenerosidade da nosa querida Begonia, compañeira e amiga. Con ela compartimos a ilusión por estas cousas. Grazas Bego, de parte de todos.




21/4/10

21 de abril, Día Mundial da Creatividade e a Innovación



Marci Segal, un deseñador publicitario de Toronto (Canadá), decidiu promover no ano 2001 o Día Mundial da Creatividade e a Innovación, motivado por un artigo aparecido en prensa que criticaba a falta de ideas dos publicistas canadenses. Desde entón celébrase este Día Mundial cada 21 de abril.

Elixiuse este día ao coincidir co nacemento dunha das mentes máis creativas da historia da humanidade, Leonardo da Vinci. Esta iniciativa conmemórase en diferentes cidades de varios países do mundo co obxectivo de organizar unha rede que colabore para unir esforzos en favor da creatividade. As persoas que participen na celebración deste día son alentadas a usar a súa creatividade para facer do mundo un lugar mellor e tamén para facer do seu lugar no mundo algo mellor.






Recomendamos os seguintes blogs, que teñen interesantes recursos e técnicas de creatividade:
http://www.neuronilla.com/
http://blog.micelulacreativa.com/


20/4/10

Grazas


Onte chegounos un presente por parte da Biblioteca Ollos Grandes, grazas María, sabes que admiramos e seguimos o voso traballo. Recibir o selo "Vale a pena ficar de olho nesse blog!" esixe unhas condicións:

• Incrustar a imaxe do selo que simboliza o premio cunha ligazón ao blog que o outorgou.
• Enlazar 10 blogs que, segundo o criterio do premiado, valen a pena.
Hai moitos blogs amigos xa premiados, pero pensamos que hai moitos outros que tamén valen a pena:











19/4/10

BASES DO CONCURSO " ADIVIÑA, ADIVIÑA..."

Con motivo da celebración o día 12 de maio como participantes deben ser alumnos do 1º ciclo de ESO do IES Xoán Montes no ano escolar 2009/2010.Día escolar das Matemáticas a Biblioteca do IES Xoán Montes convoca un concurso entre o alumnado do centro para resolver un boletín de adiviñas matemáticas, de acordo as seguintes bases:
1- Os
2- Os participantes tentarán de resolver o maior número posible das adiviñas propostas.
3- O boletín de participación pódese solicitar aos profesores de matemáticas correspondentes, ou descargalo desta mesma anotación.
4- A resolución das adiviñas introducirase nun sobre grande no que deberá figurar fóra o seudónimo do participante e o nome do concurso. Dentro de este sobre grande ademáis introducirase outro sobre máis pequeno cos datos do participante (nome, apelidos, curso e grupo) e entregarase en secretaría.
5- O prazo de admisión pecharase o día 20 de maio de 2010.
6- O xurado estará composto polas profesoras Covadonga García-Losa Rodríguez e Mª Teresa Vázquez Cadavide. O fallo será inapelable e emitirase o día 30 de maio. O xurado pode declarar o premio deserto.

PREMIO:



16/4/10

BASES DO CONCURSO "ADIVIÑA QUEN SON"


Con motivo da celebración o día 12 de maio como Día escolar das Matemáticas a Biblioteca do IES Xoán Montes convoca un concurso entre o alumnado do centro para resolver un boletín de adiviñas sobre matemáticos, de acordo as seguintes bases:
1- Os participantes deben ser alumnos de 2º ciclo de ESO ou BAC do IES Xoán Montes no ano escolar 2009/2010.
2- Os participantes resolverán o maior número posible das adiviñas propostas.
3- O boletín de participación pódese solicitar aos profesores de matemáticas correspondentes, ou ben descargalo desta mesma anotación.
4- A solución das adiviñas introducirase nun sobre grande no que deberá figurar fóra o seudónimo do participante e o nome do concurso. Dentro deste sobre grande ademáis introducirase outro sobre máis pequeno cos datos do participante (nome, apelidos, curso e grupo) e entregarase en secretaría.
5- O prazo de admisión pecharase o día 20 de maio de 2010.
6- O xurado estará composto polas profesoras Covadonga García-Losa Rodríguez e Mª Teresa Vázquez Cadavide. O fallo será inapelable e emitirase o día 30 de maio. O xurado pode declarar o premio deserto.

PREMIO: un lote de películas.

Certame de Narrativa e de Poesía

Con motivo da celebración da Festa das Letras, o Departamento de Lingua Galega e Literatura do IES Xoán Montes convoca un CERTAME DE NARRATIVA, rexido polas seguintes BASES
Primeira. Poderán participar todos os alumnos deste centro.
Segunda. Os relatos terán que ser orixinais e inéditos. Sobre tema libre, irán redactados integramente en lingua galega.
Terceira. Terán unha extensión de entre dúas e cinco páxinas, formato A4, mecanografiadas, con letra Times New Roman en corpo 12 e cun interliñado de 1’5.
Cuarta. Cada participante non poderá presentar máis de dous relatos, por separado.
Quinta. Os traballos entregaranse antes do día 4 de maio, martes, ata as 14:30, na Secretaría do Instituto. Cada traballo irá dentro dun sobre grande, en cuxo exterior figurará, ben visible, un lema ou pseudónimo, que en ningún caso coincidirá con nome ou apelidos do autor. No interior deste sobre grande, a máis do relato que se presenta a concurso irá tamén un sobre pequeno, en cuxa parte exterior consignarase así mesmo o lema ou pseudónimo antes aludido ; no interior deste sobre pequeno irá unha folla cos datos do autor: nome, apelidos, curso e grupo.
Sexta. Establécense tres categorías: Primeiro Ciclo da ESO, Segundo Ciclo da ESO e BAC. En cada categoría poderán adxudicarse dous premios. Estes consistirán en vales por un importe económico utilizable para adquirir libros, material escolar e funxible ou instrumentos de debuxo e pintura.
Sétima. O fallo do Xurado será inapelable. A presentación ao Certame presupón a aceptación plena das presentes Bases.

O CERTAME DE POESÍA, réxese polas mesmas BASES que o anterior agás no seguinte:
Segunda. Os textos terán que ser orixinais, inéditos e en lingua galega.
Terceira. Cada participante non poderá presentar máis de dous poemas, por separado.

Anímate e participa!

14/4/10

EXPOSICIÓN: Castelao. A derradeira lección do mestre


Neste 2010 se conmemora o 60 cabodano da morte de Castelao, dende o Museo Provincial de Lugo ofértannos a posibilidade de coñecer detidamente a súa obra, a exposición inaugúrase hoxe as 20.00 horas (é ata o 10 de xullo) e compleméntase cunha ampla programación cultural onde seguro que atoparás actividades de interese.

VISITAS TÉCNICAS
A cargo dos comisarios da mostra María Pilar García Negro e Felipe-Senén López Gómez
Martes, 18 de maio, ás 19:30 horas
Martes, 15 de xuño, ás 19:30 horas

CONCERTO
A cargo de Xoán Elías Castiñeira, brillante exalumno deste centro
Xoves, 6 de maio, ás 20:00 horas

PROXECCIÓNS
Xoves, 27 de maio, ás 20:00 horas
- Miss Ledya (José Gil, 1916) (20 min), coa intervención como actor de Castelao. A continuación:
- Charla-coloquio con Guillermo Escrigas, director do CGAI.
Proxección permanente na Sala de Exposicións
- Imaxes de Castelao en Buenos Aires (Elixio González, 1972).
- Castelao na súa visita a Bahía Blanca (ca. 1945).
- Imaxes e obras de Castelao.

CHARLA-COLOQUIO: Castelao. A derradeira lección do mestre
Xoves, 10 de xuño ás 19:30 horas
Interveñen: Especialistas e investigadores da obra de Castelao.

OBRADOIRO DE CARICATURAS
A cargo de Joaquín París
Horario de 11:30 a 13:30 horas.
Inscrición previa no Departamento de Didáctica, tfno.: 982 242 300.
Para rapaces de 6 a 9 anos. Datas: 17 de abril e 12 de xuño.
Para rapaces de 10 a 13 anos. Datas: 15 de maio e 10 de xullo.

VISITAS GUIADAS
Para todo tipo de públicos e grupos familiares, todos os sábados, ás 12:30 horas. Non precisan inscrición previa.

PUNTO DE LECTURA
Onde se poderán consultar diversas publicacións da autoría de Castelao ou relacionadas coa súa obra.

SALA MONOGRÁFICA
Coincidindo coa apertura ao público da exposición, o Museo Provincial de Lugo presenta a súa colección permanente de obras de Castelao que se pode visitar na súa nova sala, a núm 25.

VISITAS CONCERTADAS PARA GRUPOS ESCOLARES
Visitas guiadas para grupos escolares complementada cunha unidade didáctica. Inscrición previa no Departamento de Didáctica, tfno.: 982 242 300.

Todos os actos e actividades son de entrada libre e gratuíta.


13/4/10

Escola de Prevención de Riscos Laborais


Hai pouco botou a andar unha nova páxina da Escola de Prevención de Riscos Laborais (iniciativa do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, ISSGA), especialmente adicada á cultura preventiva temperá. Ten apartados moi curiosos e atractivos que podedes visitar, historia da prevención, revista Alerta... incluso hai un concurso de cómics cuxo prazo está a piques de rematar, só por participar xa podedes levar un set de material escolar.

Explora a páxina pinchando na imaxe!


XVI Festival Internacional de Teatro Universitario de Lugo


Grazas a colaboración entre Lugo Cultural e a Fundación Caixa Galicia poderemos disfrutar neste mes de abril, a partir de mañá, das novas creacións das escolas de teatro da USC, do Campus de Ourense, da Escola Superior de Arte Dramática de Asturias, da escola de Narón, do teatro da Universidade de Zaragoza e da Companhia do Jogo de Portugal.
No Auditorio Gustavo Freire de Lugo, as 21:00 horas e nas seguintes datas:

14 de abril, Unha dúbida razoable
15 de abril, Noche de Reyes
16 de abril, Comendo pementos de Padrón con Tarantino
17 de abril, El porvenir está en los huevos
18 de abril, Jorge!
19 de abril, As cuñadas
20 de abril, Odisea Espacial



10/4/10

VISITA A SAN PAIO DE NARLA


O mércores 21 da abril , pola tarde, imos a San Paio de Narla para encontrarnos cos autores dos dous libros lidos, Xosé Miranda e Xabier P. Docampo.

Para organizar a saída e preparar o encontro vémonos o próximo luns 12 de abril no recreo. Non faltedes.

8/4/10

Animación á lectura: Romeo & Juliet



Dentro das actividades de animación á lectura programadas pola biblioteca do centro, o departamento de inglés, en colaboración coa editorial Vicens Vives, organiza unha actividade en torno á obra Romeo and Juliet de William Shakespeare. A actividade está destinada ao alumnado de 4º de ESO e terá lugar mañá venres 9 de abril ás 9 da mañá na aula número 20.

1/4/10

Noraboa aos gañadores de Publicíta-t e aos participantes de Play! 2010


Este ano convocouse, dende a plataforma de Play! 2010 Desafío para Novos Emprendedores (competición de simulación empresarial organizada pola Escuela de Negocios de Caixanova), a 2ª edición de Publicíta-t. Establecéranse dúas categorías para participar neste concurso, o premio ao mellor logotipo, nome comercial e anuncio en prensa (medios escritos) e o premio ao mellor spot publicitario (medios audiovisuais).

Do noso instituto participou o alumnado de 1º de bacharelato A e C da materia de Economía, e temos moito que celebrar. En primeiro lugar, que o equipo Economyplay acadou o premio ao mellor spot publicitario (tamén tiñan que presentar un slogan e un briefing) que podedes ver abaixo. Parabéns ao equipo formado por Alejandra Cambiazo de Pedro, Adriana Cano Vila, Vanesa Fernández Rodríguez y Alejandro Mata Alonso. Recibirán cada un deles unha consola Wii.

Ademáis teremos representación do noso centro nas semifinais de Play! 2010, pois o equipo Reikampo clasificouse para competir cos outros 4 mellores equipos da provincia. Parabéns a Aarón Cabado Vázquez, Diana Casiani Gómez, Ana Eiras Coto, Tamara Fra Vilaboa e Magali Piedra Gutiérrez, …e moita sorte!

Gustaríame felicitar ao resto do meu alumnado de 1º de bacharelato, a todos e todas, porque participastes con gran ilusión, aproveitando unha estupenda oportunidade de aprender de forma lúdica. E por suposto, tamén a todos os institutos participantes.

Máis información AQUÍ.