31/10/10

Halloween ou Samhaín?

Que é o Samhaín?
A antiga festividade céltica do Samhaín foi habitualmente descrita como unha comuñón cos espíritos dos defuntos que, especialmente nas datas do 31 de outubro e o 1 de novembro,  terían autorización para camiñar entre os vivos. Abríanse as portas entre este mundo e o máis alá, dándolle á xente a posibilidade de reunirse cos seus antepasados mortos.
A festa do Samhaín, a máis importante do período precristián, marcaba para os celtas o comezo dun novo ano.
Polo Samhaín era costume baleirar nabos de gran tamaño, posteriormente cabazas, para poñerlles dentro velas. Varios séculos despois esta tradición, que se mantén aínda nalgúns lugares de Galiza, como é o caso de Cedeira,  ten continuidade nas festas de Halloween, unha adaptación do Samhaín á cultura estadounidense e que é semellante ao entroido. A celebración foi levada aos Estados Unidos de América polos irlandeses no século XIX e comezos do século XX.



E o Halloween, que é o Halloween?
Halloween ou noite de bruxas é unha festa que se celebra principalmente en Estados Unidos na noite do 31 de outubro. Ten as súas orixes na festividade celta do Samhaín e da festividade cristiá do Día de Tódolos Santos. Celébrase nos paises anglosaxóns, principalmente en Canadá, Estados Unidos, Irlanda e Reino Unido. A forza expansiva da cultura de EE.UU fixo que Halloween se popularizara tamén entre outros paises occidentais.
Este día asóciase a miúdo coas cores laranxa e negro e atópase fortemente ligado a símbolos como a  Jack-o'-lantern. As actividades típicas de Halloween son o famoso "truco ou trato", as festas de disfraces, as fogueiras, a visita a casas enfeitizadas, as bromas, a lectura de historias de medo e o visionado de películas de terror.

30/10/10

E no cotián... a poesía: Miguel Hernández (1910-1942)

No día do centenario do nacemento de Miguel Hernández queremos deixar un breve poema do seu libro Perito en lunas (1933), pequena mostra do seu labor poético:


Copla

La cantidad de mundos
que con los ojos abres,
que cierras con los brazos.
La cantidad de mundos
que con los ojos cierras,
que con los brazos abres.

E no cotián... a poesía: Ricardo Carvalho Calero (1910-1990)

Celebramos hoxe o centenario do nacemento de Ricardo Carvalho Calero. Quizá máis coñecido polo seu labor de profesor e ensaísta, a súa obra poética é tamén extensa, contando case unha decena de libros de poesía en galego e dous en castelán. Escollemos hoxe un poema do seu libro Cantigas de amigo e outros poemas (1980-1985):

Calquer lugar é bom para morrer.
Nom se distingue o home da mulher.
A morte é neutra —das Tod— em alemám.
Género e sexo nom sempre vam da mam.
Pois umha cousa é a anatomia
e outra a gramática —falaz dicotomia.
Nom vejo a morte feminista ser.
Calquer lugar é bom para morrer.

Donas do tempo passado ou do actual,
a morte a todas trata-vos igual
que aos cavaleiros. Violenta, a história o di.
Muitas mulheres morrerom assi.
Em Rouen foi Joana d'Arco queimada;
Antoinette em Paris guilhotinada;
Em Chappaquiddick, Jo foi perecer.
Calquer lugar é bom para morrer.

Eis umha flor para o lume e o mar,
a praça, o paço ou calquer lugar
onde a mulher tenha o seu passamento.
Erga-se a rosa sobre o moimento.
Nesta matéria nom é discriminada.
Inês ferida, Mariana agarrotada,
Mary Jo sulagada, Jeanne a arder.
Calquer lugar é bom para morrer.

Centenario de Miguel Hernández e Ricardo Carvalho Calero



Proximamente terá lugar unha exposición adicada aos dous escritores dos que conmemoramos hoxe o centenario do seu nacemento.

26/10/10

Concurso esdelibro.es

Se es orixinal es de libro é un concurso de traballos orixinais de investigación, desenvolvidos por estudantes, sobre un tema do seu interese: música, ciencia, literatura, arte, natureza, historia, cine, deportes, filosofía e pensamento, tecnoloxías, matemáticas... Os traballos poderanse presentar a concurso en todas as linguas oficiais de España. Está dirixido a estudantes e docentes de ESO, bacharelato e ciclos formativos de Grao Medio de todas as comunidades autónomas. Deben ser realizados en grupo (un mínimo de dous e un máximo de catro estudantes) e sempre deberán ser coordinados por un profesor.
Haberá premios para estudantes, docentes e centros educativos, establécense para estudantes nove premios: tres para os mellores traballos de primeiro ciclo de ESO, tres para os mellores traballos de segundo ciclo de ESO e tres para os mellores traballos de bacharelato e ciclos formativos de Grao Medio.
Prazo de inscrición: 15 de setembro do 2010 a 1 de febreiro do 2011.
Prazo de envío de traballos: 30 de marzo do 2011.
Decisión do xurado: maio do 2011.
Se logras que a túa creación sexa orixinal e respecte todas as normas de propiedade intelectual (Pensa en ©!), poderás gañar un premio, incluso so por presentalo.
Mira as bases e concursa! (pincha na imaxe)

24/10/10

24 de outubro, Día da Biblioteca

Hoxe celébrase o Día da Biblioteca. A súa presenza nos centros escolares é unha fonte de recursos tanto impresos como electrónicos. Non debemos pensar nela como un almacén de libros, é un lugar de encontro, aprendizaxe e diversión, onde podemos compartir as nosas experiencias lectoras. Neste día animámosvos a visitala e coñecela, e tamén queremos saber a vosa opinión sobre os cambios que estamos a facer nela. Pronto contaremos cunha sección dedicada ás novidades que van chegando, e no blog poderedes contar as vosas impresións sobre as lecturas que estades a facer.

18/10/10

Convocatoria do Club de Lectura



Ven a coñecernos.
Podes vivir con nós grandes aventuras, rir, chorar, ter medo, explorar, ser outra persoa, coñecer outros mundos...todo cabe nos libros.


Esperámoste o xoves día 21 de outubro na biblioteca á hora do recreo.

I Concurso do Día da ciencia en Galego

Co gallo da celebración da Semana e o Día da Ciencia en Galego e co obxectivo de fomentar o interese do alumnado por aquelas figuras históricas relacionadas con Galicia e a Ciencia, o IES Xoán Montes convoca o I Concurso do Día da ciencia en Galego, que estará adicado á figura de Alfonso X o Sabio, gran poeta en lingua galega e un dos científicos universais pola súa contribución ao progreso da ciencia europea.
O concurso vai dirixido a todo o alumnado do noso Centro repartido en tres categorías ( 1º ciclo da ESO, 2º ciclo da ESO e BAC). Os traballos poderán ser presentados en calquera formato (texto divulgativo, narración, cómic, debuxo, mural...) e versarán sobre a figura de Alfonso X e os seus colaboradores (tradutores e científicos das Escolas creadas por el que serán modelo de integración das culturas medievais da Península Ibérica: cristiá, xudía e musulmá).
Establécese un premio para cada un dos gañadores nas distintas categorías e o fallo do xurado farase público nos días anteriores á celebración do Día da Ciencia o 4 de novembro, día no que se realizará a entrega de premios.
     A data límite de entrega de traballos é o día 29 de outubro

Todos os traballos presentados formarán parte dunha exposición conmemorativa da Semana da Ciencia.
O material presentado introducirase nun sobre grande no que deberá figurar fóra o seudónimo do participante e o curso no que está (non o grupo). Dentro deste sobre grande ademáis introducirase outro sobre máis pequeno cos datos do participante (nome, apelidos, curso e grupo) e entregarase en secretaría.

17/10/10

E no cotián... a poesía: Malena Mörling



Nada en Suecia en 1965, Malena Mörling é profesora de creatividade literaria na Universidade de Carolina do Norte Wilmington e profesora de poesía noutras institucións universitarias. Ademáis traduce a obra de poetas suecos ao inglés e recibiu múltiples premios e mencións. Publicou Ocean Avenue en 1999 e Astoria en 2006. Ofrecemos un dos poemas incluídos no primeiro libro:


ASHES
Now the person you loved
the most in your whole life
Now the body
that held you
all night in bed
Now the arms
and the hands
Now the face that slept
against yours
the breath that moved
in and out of your mouth
Now the bright eyes
the forehead
the entire body
is lighter
than the flurries
that appear
out of nowhere

15/10/10

Concurso "Reporteiros na rede"

A Obra Social de Ibercaja, interesada no desenvolvemento do coñecemento a través de programas sociais que contribúan á transformación da sociedade, convoca o 11° Concurso Reporteiros na rede -Xornalismo científico online- de ámbito nacional, co fin de fomentar o interese dos estudantes pola ciencia e a tecnoloxía.
Poderán participar todos os estudantes de centros educativos españois (sendo a idade límite 20 anos) ben individualmente ou en grupo de dous alumnos e coordinados por un profesor.
Os participantes realizarán un artigo de divulgación científica sobre un tema de actualidade e utilizando exclusivamente a información dispoñible en Internet.

Con motivo do Ano Internacional da Química, valoraranse de xeito especial aqueles artigos que traten a química como unha ciencia creativa esencial para mellorar a sustentabilidade dos nosos modos de vida e para resolver os problemas globais e esenciais da Humanidade, como a alimentación, a auga, a saúde, a enerxía ou o transporte.
O artigo, de redacción orixinal do alumno e inédito, non poderá exceder as mil cincocentas palabras e irá acompañado dunha listaxe das fontes de información consultadas.
A inscripción é do 4 de outubro de 2010 ao 29 de xaneiro de 2011 cumprimentando o formulario da web, finaliza o prazo de entrega dos artigos o 25 de marzo de 2011.

Consulta as bases, os premios, os consellos para redactar un artigo científico, simulaciones informáticas de ciencia e tecnoloxía e moitas cousas máis no Laboratorio Virtual de Ibercaja.

10/10/10

Queremos SaudArte 2010

O Grupo de Investigación de Medicina Preventiva e Saúde Pública (MP1) e a Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo, coa financiación da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), e en colaboración coa Asociación Galega de Educación para a Saúde, co colectivo Medicina e Arte en Galicia, con Boek 861 e con Psicotrex, convocan un certame de arte postal coa saúde e a arte como fío condutor.
Poden participar todas as persoas que o desexen (de calquera idade e parte do mundo) nesta convocatoria, enviando obras, de xeito individual ou colectivo, a través do correo postal ou electrónico. A data límite de envio é o 31 de outubro do 2010.
Preme aquí para ver as bases do concurso.

5/10/10

5 DE OUTUBRO...Día Mundial dos Profesores


Hoxe, 5 de outubro, celébrase o Día Mundial dos Profesores, unha ocasión para que os nenos, familias e profesionais doutros sectores reflexionen sobre esta profesión. Dicía William Arthur Ward que “o mestre mediocre fala, o bo mestre explica, o mestre excelente demostra, e o mellor mestre inspira”.

Os profesores cumpren unha función esencial na sociedade: ensinar. Ademais, a medida que pasan os anos, van asumindo o reto de educar, dado que moitas familias delegan esta tarefa na escola. O traballo de mestres e profesores é fundamental para o desenvolvemento da nosa sociedade.

Do profesor depende a aprendizaxe dos menores e dos maiores e, polo tanto, o futuro. Un bo profesor formará bos mecánicos, escritores, enxeñeiros, músicos… Logrará que os mozos e mozas sintan ilusión polos estudos e queiran medrar como persoas. Por iso, polo papel tan importante que teñen estes profesionais, hai que mimalos un pouco.

Algunha das reivindicacións neste Día Mundial dos Profesores é lograr un entorno de traballo decente.

Noraboa, profesores, polo voso labor educativo e a seguir adiante.



4/10/10

O IES Xoán Montes na tele

Hoxe moit@s asombrámonos ao ver o IES Xoán Montes na televisión, houbo algúns que non puideron escoitar o que dicían, investigamos o tema e resulta que como é o Día Mundial da Arquitectura, púxose como mostra este edificio singular, do arquitecto Eloy Maquieira Fernández, o principal representante do racionalismo arquitectónico na cidade de Lugo. A súa obra comezou no 1934, rematando despois da guerra civil española.
O racionalismo nace na segunda mitade do século XX, despois do historicismo e do modernismo, e destaca pola concepción do espazo arquitectónico, que é dinámica, predominan as formas xeométricas simples así como o uso de novos materiais como o formigón en lugar de pedra e o revocado en cor.
Agora xa sabemos algo máis, non?
Se queredes ver a noticia aquí tedes o telexornal, dos 25 minutos aproximados que dura está no 18:36.

Telexornal. Informativo territorial de Galicia. (04/10/10).


PÁSATE POLO PUNTO DE LECTURA!



A partir de hoxe día 4 de outubro, volve a funcionar o punto de lectura no corredor de entrada do instituto. Recordade que é un punto de libre acceso durante os tempos de lecer, polo que o alumnado pode facer uso do material neses momentos da xornada; non esquezades recolocalo despois de utilizalo e, se queredes levalo prestado, acudide á biblioteca para que rexistren o préstamo.


Esperamos que as lecturas sexan do voso agrado e, se botades algo en falta, facédenolo saber, utilizando o buzón de suxestións ou dirixíndovos ao profesorado que atende a biblioteca.




3/10/10

SAN FROILÁN

O outono na cidade de Lugo é recibido coa algarabía das festas máis populares e concorridas de toda Galicia: o San Froilán. Esta celebración, unida aos atractivos desta cidade bimilenaria, constitúe un motivo máis que interesante para visitar a cidade entre o 4 e o 12 de outubro. Durante estes oito días os lucenses, e o máis do medio millón de visitantes que acoden habitualmente ás festas, enchen as rúas de Lugo, que viste coas súas mellores galas a marabillosa zona antiga, a emblemática Muralla romana e o paraíso botánico que é o Parque de Rosalía, pois son os centros neurálxicos das actividades festivas.

PARA VER O PROGRAMA COMPLETO DAS FESTAS PREME AQUÍ.

2/10/10

Becas High School para estudantes de 4º de ESO

A Fundación Pedro Barrié de la Maza e a Fundación Amancio Ortega, no seu afán por mellorar o ensino e o nivel de preparación dos novos estudantes de Galicia, decidiron de común acordo elaborar un programa de bolsas para aqueles alumnos que desexen cursar un ano académico nun instituto de ensino público, High School, de Estados Unidos.


@s alumn@s que desexen participar no programa de bolsas deberán ser alumn@s de 4º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) nun Centro de Ensino en Galicia, ter como mínimo unha media académica de 7,5 puntos no curso escolar anterior á solicitude, certificado polo Centro de Ensino, e a cualificación da materia de inglés dese curso (3º de ESO) deberá ser como mínimo de 7 puntos.
O prazo de presentación de solicitudes manterase aberto dende o 1 de outubro ata o 15 de novembro de 2010, e hai nesta convocatoria 75 prazas.

Pincha na imaxe para obter máis información.